A Escola Oficial de Idiomas de Monforte ofrece diversas actividades culturais abertas ao público en xeral e ao alumnado do centro.
CHARLA DE XABIER QUIROGA O DÍA 17
O mércores 17 de novembro, ás 17:30 horas, a Escola acollerá como convidado ao escritor Xabier Quiroga, que ofrecerá unha charla sobre as súas novelas «Izan o da saca» e «O baile dos estorniños». O encontro será na Biblioteca do centro.
PRIMEIRAS SESIÓNS DO CICLO DE CINE OS VENRES 19 E 26 DE NOVEMBRO
Tamén en novembro, a Escola de Idiomas retoma o xa tradicional Ciclo de Cine en versión orixinal con subtítulos en castelán. As proxeccións terán lugar en venres, nas salas dos Multicines Hollywood de Monforte de Lemos. O ciclo arrancará o venres 19 de novembro coa película alemana «Das Glaszimmer» («La sala de cristal»), dirixida en 2020 por Christian Lerch, e galardoada co Premio do Público na 23ª edición do Festival de Cine Alemán.
RECOLLER AS ENTRADAS GRATUÍTAS NA ESCOLA
As entradas ao Ciclo de Cine son de balde. As persoas interesadas poden pasar a recoller os tiquets na Escola de Idiomas de Monforte, situada no número 65 da rúa Calvo Sotelo.
O seguinte pase do Ciclo de Cine será o venres 26 de novembro, coa película francesa «Especiales», en versión orixinal con subtítulos en castelán.•