José Miñones anunciou en Monforte que o Goberno central compromete 558 millóns para consolidar a cidade como nó de comunicacións e motor económico da provincia

• Na visita do delegado do Goberno a Monforte, o alcalde salientou o compromiso do Executivo español coa cidade e a provincia

Imaxe da rolda de prensa ofrecida no Concello de Monforte polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. GPCM.

• Redacción- MONFORTE. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, acompañado pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, foi recibido en visita oficial en Monforte polo alcalde, José Tomé Roca, e a primeira tenente de Alcalde, Gloria Prada, xunto co concelleiro de Obras, José Luís Losada. Unha vez rematadas as formalidades, coa sinatura no Libro de Honra, levouse a cabo unha reunión de traballo na que supervisaron os proxectos e investimentos do Estado en Monforte. Na rolda de prensa posterior, o alcalde amosou a súa satisfacción porque “o actual Goberno de España volveu a poñer a Monforte no mapa das infraestruturas, que vertebra a cidade e a provincia de Lugo”. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, repasou os compromisos do Executivo con Monforte, con actuacións que superan os 558 millóns de euros, para consolidar o papel deste concello como “nó de comunicacións e motor da economía da provincia de Lugo e de Galicia”. O delegado apuntou que “o Goberno responde á relevancia de Monforte cuns investimentos que están á altura do concello”, e destacou que Monforte “é agora protagonista do maior investimento do Goberno en Galicia tras finalizar a construción da Alta Velocidade” con 546 millóns de euros para a modernización do corredor ferroviario entre Ourense e Lugo. Adif executará nos próximos tres anos 71 contratos para poñer ao día a liña e conectala coa alta velocidade que pasará por Ourense. “Nestes momentos xa se atopan en execución a renovación da vía entre Monforte de Lemos e Lugo e o túnel de Oural, que suman máis de 80 millóns de euros”.
Dentro deste proxecto, José Miñones lembrou que esta semana Adif adxudicou a adecuación da estación de tren de Monforte ás novas condicións do corredor. O delegado do Goberno en Galicia engadiu que son “3 millóns de euros para a renovación completa deste equipamento” aos que haberá que sumar os 6 millóns previstos para a supresión dos primeiros pasos a nivel do municipio, que configurarán un novo espazo urbano nesta área de Monforte.

RESTAURACIÓN DE
PINTURAS E RETABLOS
Con posterioridade, desprazáronse ata a o Mosteiro de San Vicente para supervisar os traballos de restauración executados polo Ministerio de Cultura na igrexa deste conxunto monumental, cunha inversión a través do Instituto do Patrimonio Cultural de España de 534.148 euros.

SOSTIBILIDADE
AMBIENTAL
Miñones apuntou que a mellora ambiental e da calidade de vida da poboación de Monforte recibe preto de 5 millóns de euros do Goberno de España, 2,8 millóns de euros en axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica cos que o Concello substituirá máis de 5.000 puntos de luz por puntos LED, e 1,9 millóns para a segunda fase da renovación do saneamento e depuración das augas.

SERVIZOS PÚBLICOS
O delegado do Goberno insistiu na necesidade de dotar ás vilas de servizos públicos de calidade, e destacou a renovación da oficina da Seguridade Social, “unha actuación moi necesaria dado o estado actual do inmoble e que beneficiará as 55.000 persoas que atende esta sede”. A obra está en proceso de contratación cun orzamento de 545.000 euros.

NOVA COMISARÍA
Os responsables estatais e locais analizaron a dotación dunha nova comisaría de Policía. O delegado apuntou que trala cesión dun edificio polo Concello «xa estamos a redactar o proxecto de adaptación do edificio ás necesidades policiais”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

●●● A vida na aldea de Bexán (O Saviñao) só está nas fotografías

Seguinte Nova

O AVE chega a Galicia con doce anos de atraso sobre o prazo inicialmente previsto

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: