O programa PREE 5000, cunha dotación de 1,83 millóns, contribúe a acadar os obxectivos en materia ambiental e de enerxía fixados na normativa da UE
A Xunta de Galicia vén de convocar un novo programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico, o chamado PREE 5000.
CONCELLOS PEQUENOS
Cun orzamento global para o próximo ano de 1,83 millóns de euros, o importe concedido poderá chegar a cubrir ata o 100% do custo das obras subvencionables. As actuacións subvencionables realizaranse en edificacións situadas en municipios de menos de 5.000 habitantes ou en concellos non urbanos de menos de 20.000 sempre que ningún dos seus núcleos de poboación supere os 5.000 veciños.
Os inmobles deberán terse construído antes de 2007 e poderán ser vivendas unifamiliares, edificios de tipoloxía residencial colectiva ou vivendas dun edificio consideradas individualmente. En canto aos beneficiarios, as axudas están abertas ás persoas físicas ou xurídicas así como ás comunidades ou agrupacións de comunidades de propietarios que sexan titulares de inmobles nos que se vaian acometer as actuacións subvencionables. Os traballos poden ser de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e mellora das instalacións de iluminación. O prazo de solicitude está aberto ata o 30 de setembro.•