Novas proxeccións dentro do ciclo de cine que organiza a Escola de Idiomas de Monforte

• R.- MONFORTE. A Escola Oficial de Idiomas de Monforte continúa co xa tradicional ciclo de cine, que ofrece proxeccións de películas en versión orixinal en inglés, francés, italiano ou alemán, cos correspondentes subtítulos en castelán.

ENTRADAS DE BALDE, CON PROXECCIÓNS OS VENRES POLA TARDE
As proxeccións teñen lugar nas tardes dos venres, ás 20:30 horas, nas salas dos Multicines Hollywood de Monforte de Lemos.
As entradas ao Ciclo de Cine son de balde. As persoas interesadas poden pasar a recoller os tiquets na Escola de Idiomas de Monforte, situada no número 65 da rúa Calvo Sotelo.

CINE EN VERSIÓN ORIXINAL EN INGLÉS O 10 DE DECEMBRO
O próximo pase do Ciclo de Cine será o venres 10 de decembro, ás 20:30 horas, coa película «The Peanut Butter Falcon», en versión orixinal en inglésl con subtítulos en castelán.
«The Peanut Butter Falcon» é unha película estadounidense de aventura e drama dirixida e escrita en 2019 por Tyler Nilson e Michale Schwartz, e protagonizada por Zack Gottsagen, Shia LaBeouf, Dakota Johnson e Bruce Dern.
Zack é un mozo con síndrome de Down que escapa da súa residencia para perseguir o soño de converterse en loitador profesional. Unha serie de circunstancias levan a este mozo a dar con Tyler, un delincuente que tamén está fuxido e que se converterá no seu adestrador e confidente. Na súa aventura, coñecen a Eleanor, unha enfermeira un tanto particular que se une a eles na súa viaxe a través de California.

COMEDIA EN VERSIÓN ORIXINAL EN ITALIANO O DÍA 17
A seguinte cita deste ciclo cultural terá lugar o venres 17 de decembro, tamén ás 20:30 horas, coa proxección de «Come un gatto in tangenziale», en versión orixinal en italiano con subtítulos en castelán.
Esta comedia foi dirixida en 2017 por Riccardo Milani, e protagonizada por Paola Cortellesi, Antonio Albanese, Alice Maselli e Simone de Bianchi.
Dous pais coñécense a raíz de que os seus fillos namóranse, pero non se levan ben. Os seus desencontros son inevitables debido ás enormes diferencias en mentalidade e estilos de vida. Pero despois de varias peripecias, rematarán poñéndose na pel un do outro pola felicidade dos seus fillos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O AVE chega a Galicia con doce anos de atraso sobre o prazo inicialmente previsto

Seguinte Nova

O Concello de Monforte ten en marcha unha campaña porta a porta para fomentar a reciclaxe

Últimas noticias sobre AXENDA

A %d blogueros les gusta esto: