O AVE chega a Galicia con doce anos de atraso sobre o prazo inicialmente previsto

Imaxe da chegada do AVE a Ourense. FOTO MONTERO.

• Por Gonzalo L. Torres.
Durante moito tempo que aos galegos nos falasen do AVE parecíanos unha entelequia. Un ministro de Fomento tras outro, desde que Álvarez Cascos no ano 2003 fixase o 2010 como o da chegada da alta velocidade a terras galegas foron incumplindo os seus compromisos. Despois do goberno de Aznar, chegou Zapatero, e con el a Ministra Magdalena Álvarez, que atrasou a data ao 2012, e logo foi José Blanco, un galego de Lugo, o que nos fixo crer que ao fin en 2015 teriamos AVE. Pero tampouco cumpriu. Na súa defensa cabe dicir que lle tocou lidar coa crise económica. Despois chegou Rajoy e Ana Pastor, dous galegos máis no poder. Agora si o conseguiriamos no 201. Pero non. Iñigo da Serna, o substituto de Ana Pastor, dixo que o fin das obras sería en 2020. Tampouco. Tivo Ábalos a sorte de acertar na súa estimación, e ao fin teremos AVE en Galicia este 2021, aínda que sexa o 21 de decembro. Esta cadea de incumprimentos e despropósitos, case parecería unha broma, pero nada máis lonxe da realidade. No ano 1992 púxose en funcionamento a liña de alta velocidade entre Madrid e Sevilla. Fai case trinta anos. En 2008 inaugurouse o traxecto Madrid-Barcelona de alta velocidade. Hai 13 anos diso. Loxicamente hoxe todo son congratulacións pola noticia, pero non estaría de máis lembrar o que poderiamos considerar un claro agravio comparativo cos galegos. Máis tendo en conta, que o AVE chegará únicamente a Ourense, e darase o paradoxo de que levará tanto tempo, por exemplo, desprazarse en tren desde Ourense a Lugo ou Ferrol, como desde Madrid a Ourense, habendo unha considerable diferenza de quilómetros. Quedan pois obras e investimentos, cuxo prazo, visto o visto, ninguén se atreve a estimar. E desde o punto de vista dun monfortino que escribe, que triste resulta comprobar como Monforte xa só é pasado en canto ao seu papel ferroviario. A alta velocidade non chega a Monforte. Poderiamos rebuscar na hemeroteca para buscar promesas e fantasías pretéritas dos nosos políticos. Pero nada cambiaría a crúa realidade. Do ferrocarril só quédanos o Museo do Ferrocarril. E gracias.•

Feijóo celebra que Galicia estea a piques de cumprir un fito histórico coa chegada do ave a Ourense o vindeiro 21 de decembro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o percorrido de probas do novo tramo de alta velocidade ferroviaria Pedralba de la Pradería-Ourense.

• Redacción- MONFORTE. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou que Galicia estea a piques de cumprir un fito histórico coa chegada do AVE a Ourense o vindeiro 21 de decembro. “Temos algunhas etapas do camiño aínda pendentes, pero estamos a punto de culminar unha meta histórica: a chegada do AVE a Ourense, a porta de entrada da alta velocidade a Galicia”, dixo, reiterando a necesidade de que o mapa da alta velocidade se vaia completando, chegando ao resto das cidades galegas co fin de cumprir o calendario de tempos comprometidos.
Tras o percorrido de probas do novo tramo de alta velocidade ferroviaria Pedralba de la Pradería-Ourense, Feijóo constatou que todo está apunto para que, de xeito inminente, se poida poñer en servizo o último tramo das obras da liña entre Galicia e Madrid, recordando que o AVE é para a Comunidade obxectivo prioritario desde hai varias décadas.
Feijoo subliñou que o fin agora é conseguir que todos os galegos teñan acceso a esta conexión de alta velocidade.
A viaxe entre Ourense e Madrid verase reducida en máis dunha hora, alcanzando a meta de conectar ambas cidades en dúas horas e 15 minutos. Unha redución da que se beneficiarán as cidades de Santiago, Vigo, A Coruña e Pontevedra, cuxo tempo de conexión con Madrid tamén se acortará de forma significativa; “se ben terán que esperar aínda para ver chegar os trens AVE as súas estacións e para alcanzar os tempos de viaxe comprometidos”, matizou, recordando que debido ás peculiaridades da rede interior da Comunidade, para pasar de Ourense ao resto das cidades, os trens deben ser de rodadura desprazable.
O presidente Feijóo aproveitou o acto para reiterar a necesidade de que Galicia poida dispoñer dos trens AVRIL antes do verán, ante a celebración do Ano Santo que se estenderá tamén ao 2022.•

José Tomé considera a chegada do AVE un fito para Galicia que corrixe un déficit histórico en comunicacións por tren no noso país

O Presidente da Deputación de Lugo no acto da chegada do AVE. FOTO MONTERO.

• Redacción- MONFORTE. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns na viaxe de proba do AVE Madrid-Galicia xunto á Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, a secretaria de Estado do Ministerio, Isabel Pardo de Vera, e a presidenta do Adif, María Luisa Domínguez, así como o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco.
O tren, que partiu de Madrid dende a estación de Chamartín ás 8:45 horas, efectuou paradas en Zamora e Sanabria. Nesta última foi na que se sumou o Presidente da Deputación. O traxecto rematou en Ourense cun acto institucional. José Tomé expresou que este “é un fito para Galicia. A chegada do AVE supón corrixir un déficit histórico en comunicacións ferroviarias no noso país, que estivo acentuado polos gobernos do Partido Popular, que chegaron a anular o contrato da Estación Intermodal de Lugo ou deixaron caducar a declaración de impacto ambiental da variante de Canabal que xa estaba iniciada”. En cambio, incidiu o Alcalde, “agora si hai uns feitos. O Goberno actual colocou outra vez a Galicia no mapa das infraestruturas”.
Coa chegada do AVE a Ourense, destacou, “Monforte e Lugo estamos máis cerca da capital do Estado e agora toca executar os contratos que a día de hoxe están en marcha por un investimento de máis de 546M€, que van a mellorar a vía ferroviaria Ourense-Monforte-Lugo, para que permitan chegar a Madrid no mesmo tempo que A Coruña e que Vigo, un obxectivo realmente importante”.

RENFE VENDEU 60.222 BILLETES PARA OS TRENS AVE ENTRE GALICIA E MADRID NO SEU PRIMEIRO DÍA DE COMERCIALIZACIÓN


Renfe vendeu 60.222 billetes con orixe ou destino Galicia (tanto de billetes a prezos promocionais como non), durante a primeira xornada de comercialización do AVE entre Madrid e Galicia. A maioría das prazas promocionais adquiríronse para viaxar as fins de semana e días véspera de grandes desprazamentos. As prazas en oferta que quedan á venda correspóndense, en xeral, con días ‘vale’, de menor tráfico de viaxeiros, aspecto este que convén ter en conta á hora de activar a procura na web ou en calquera outro canle de venda.
CAMPAÑA CUN PREZO PROMOCIONAL DE 15€
Con motivo da chegada da Alta Velocidade a Galicia Renfe lanzou unha campaña desde onte e ata o 7 de decembro con 250.000 billetes a un prezo promocional de 15 euros, independentemente da orixe e o destino. Estes billetes promocionais pódense adquirir para viaxar entre o 21 de decembro de 2021 (cando comeza a prestarse o servizo comercial) e o 12 de setembro de 2022.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

José Miñones anunciou en Monforte que o Goberno central compromete 558 millóns para consolidar a cidade como nó de comunicacións e motor económico da provincia

Seguinte Nova

Novas proxeccións dentro do ciclo de cine que organiza a Escola de Idiomas de Monforte

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: