A Deputación de Lugo e a EOI poñen en marcha un Plan de Emprego oreintado á mocidade e as novas tecnoloxías

José Tomé Roca, xunto co director do departamento de Aceleración Empresarial da EOI, Javier Benito, na presentación o Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. GCDL

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou xunto co director do departamento de Aceleración Empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, o Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reiníciate: enfoca o teu futuro, unha nova iniciativa dotada con máis de 1M€ de orzamento que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo de máis de 400 mozos e mozas da provincia ofrecéndolles formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e a dixitalización.

PLAN DE IMPULSO DA ECONOMÍA
José Tomé, que estivo acompañado tamén polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, explicou que o programa forma parte do Plan de Impulso da Economía da Provincia lanzado pola Deputación para favorecer a reactivación do tecido produtivo fronte ao impacto da pandemia.
O programa está promovido pola Deputación e a EOI cun orzamento de 1.082.950€, achegados nun 85,9% pola Escola de Organización Industrial a través do Fondo Social Europeo, que supón 930.254,05€. A institución provincial asume o 14,1% restante, o que supón 152.695,95€. Un programa que dá continuidade ao Reiníciate: dixitaliza a túa empresa, que tamén puxeron en marcha ambas entidades e que está tendo moi boa acollida entre as empresas da provincia.

MÁIS DE 400 PRAZAS PARA A MOCIDADE
O Presidente explicou que o Programa de Acompañamento á Inserción Laboral da Mocidade. Reincíate: enfoca o teu futuro, que arrancará en xaneiro e prolongarase durante un ano, dispón de máis de 400 prazas destinadas para a mocidade dos 67 concellos da provincia que estean en situación de desemprego. Deben ter entre 16 e 30 anos e atoparse inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil para poder participar.

NOVAS TECNOLOXÍAS
“O obxectivo é darlles ferramentas para axudarlle a encontrar traballo ofrecéndolles para iso información especializada, teórica e práctica, naqueles ámbitos que hoxe en día máis se reclaman no mundo laboral”, explicou José Tomé. Nese sentido, manifestou que “é unha formación que responde á necesidade real de perfís profesionais que se están demandando, é dicir, os que máis expectativas de inserción laboral teñen”.
A formación estará dirixida, principalmente, á adquisición de coñecementos e tarefas vencelladas ás novas tecnoloxías, á dixitalización e á administración electrónica. Os contidos das 23 accións centraranse nas ramas de: community manager e márketing dixital, xestión informática para pemes e asociacións, xestión informática para licitacións públicas, xestión comercial e redes sociais.•

PRÁCTICAS REMUNERADAS, INSERCIÓN LABORAL E APOIO AO RURAL

•Este novo programa da Deputación e a EOI inclúe ata tres meses de prácticas non laborais que serán remuneradas. O alumnado poderá completar a súa formación tanto en empresas como en asociacións da provincia cobrando uns 700€ ao mes durante este período.
Tomé Roca puxo en valor que “grazas a este programa os participantes mellorarán a súa capacidade e aptitudes para encontrar un traballo e, ao mesmo tempo, as empresas e entidades da nosa provincia, coa incorporación deste tipo de perfís profesionais poderán mellorar a súa actividade, ser máis eficientes, ter máis recursos para optar a procesos de concorrencia pública e ser máis áxiles nos seus procedementos administrativos e no mundo dixital”.
“A previsión coa que traballamos é que a inserción laboral deste programa sexa, polo menos, dun 25% dos participantes. É dicir, que uns 100 mozos e mozas consigan un emprego ao rematar este programa. Esta é unha previsión, pero oxalá poidamos superar esa porcentaxe”, recalcou o mandatario provincial. José Tomé recalcou que, sobre todo, este proxecto “é unha medida de apoio ao rural para que os mozos e mozas da provincia de Lugo poidan labrar o seu futuro no lugar onde viven atopando un posto de traballo no seu concello ou na súa comarca”

COMO SOLICITAR ESTAS AXUDAS
O prazo de inscrición xa está aberto e pódese formalizar na web: empleojovenlugo.es Habilítase o teléfono 982 26 02 04 para resolver dúbidas que poidan xurdir. A previsión é que o programa arranque en xaneiro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

BÓVEDA PROGRAMA ACTIVIDADES DE NADAL PARA TODOS OS PÚBLICOS

Seguinte Nova

MIGUEL MARTÍNEZ TOMA POSESIÓN COMO INSPECTOR DA POLICÍA LOCAL DE MONFORTE

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: