• Redacción- MONFORTE. Rematou o ano 2021 e toca facer balance de xestiónno Concello de Pantón, un dos anos de máis investimentos e obras no concello, pero no que as circuntancias da pandemia non permitiron executar todos os traballos previstos, e que se rematarán neste 2022. Así o sinala o Alcalde José Luís Álvarez que lembra que “as principais liñas de actuación centráronse en mellorar os servizos do rural, así executáronse as estradas do Pontón, Acedre, O Cotillón, Outeiro, Míllara, Ferreira, Vilar de Ortelle, Vilar de Cangas, a estrada a Ribas do Miño e melloras nas estradas de Tuiriz. Algunha destas obras aínda se completarán próximamente”.
AUGA POTABLE
Tamén se amañaron os núcleos de Acedre, San Román de Acedre, O Curro, Santa Mariña, A Capa e Souto en Pantón e neste ano que vén de rematar o concello fixo a traída de augas de Tribás e mellorouse o abastecemento na capitalidade municipal. Fíxose a primeira e segunda fase dos colectores en Vilamelle (neste ano executarase a terceira fase) e estase acometendo a primeira fase en Moreda. Colocáronse tamén contadores de telemedida para o control de augas. O alcalde asegura que “o meu obxectivo é seguir facendo desaugadoiros e levar auga potable a todo o municipio antes de completar o mandato.”
SISTEMAS LED
Un dos principais investimentos foi o adicado á renovación do alumeado exterior na maior parte do concello, coa implantación de sistemas led para o aforro enerxético. Foron case 600.000 € de investimento. “En temas de alumeado fíxose tamén a segunda fase do alumeado das Bernardas e fíxose o albergue deste convento, do que tamén estase executando o paseo peatonal”, apunta José Luis Álvarez.
INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
No 2021 mellorouse o campo de fútbol do Baliño e fíxose un campo de fútbol artificial para o adestramento. Estase acometendo a reforma do pavillón de deportes e este ano farase o acceso á piscina.
Reformouse o mesón dos Castros e fíxose o novo parque infantil da feira. Habilitáronse novos parques biosaudables en Galegos, Goián, Espasantes e Turiz e fixéronse melloras incorporando novas máquinas ao resto de parques biosaudables cos que conta o municipio.
Perto de 600.000 € destina o concello a estas obras en convenio con outras administracións, financiando ao redor do 30% destes investimentos. O Concello de Pantón fai un importante esforzo en atender as necesidades da poboación, en especial da máis envellecida e da máis nova. Durante este mes poden presentar as solicitudes de pagamento de 500 € por cada nacemento no 2021. O gardaría de Pantón atende a unha vintena de nenos/as cada ano. No CEIP Plurilingüe Monte Baliño estudan case 70 alumnas/os e para o alumnado que estuda fóra habililítanse axudas ao transporte.
SERVIZOS SOCIAIS
A media de idade dos 2.500 habitantes que ten o concello supera os 60 anos polo que este perfil de idade require unha grande atención.
O centro de día do concello presta servizo a medio cento de persoas e cóntase con 25 traballadoras/es sociais, sendo “un dos concellos da contorna que máis adica a servizos sociais”, asegura o alcalde José Luís Álvarez.•