• Redacción- MONFORTE. A finais de decembro, o Concello de Sober deu luz verde ao Orzamento para 2022, que ascende a 2.783.910 euros. A Corporación municipal aprobou o 24 de decembro as contas para o ano que comeza, co voto a favor do Partido Popular e do Partido Socialista, e a abstención de Agroma Sober.
PRESUPOSTOS CON PERSPECTIVA DE XÉNERO
Segundo informaron dende o Concello, na elaboración deste Orzamento tívose en conta a previsión de transversalidade de xénero en cada unha das súas partidas, co obxectivo de transmitir unha imaxe efectiva igualitaria, plural e non estereotipada de homes e mulleres na sociedade.
Ademais, dende o Goberno local de Sober salientaron que 1.500.000 euros deste orzamento irá destinado ao gasto social e benestar comunitario, o que supón máis do 50% do orzamento total.
NON HAI SUBIDA DE IMPOSTOS E BAIXA A TAXA DE LIXO UN 10%
As contas de 2022 destinan máis de 300.000 euros a Cultura, Educación e Deporte. Por outra banda, o Concello non subirá nen taxas nen impostos este ano. Nesta liña de rebaixa fiscal, contémplase a redución da taxa do lixo nun 10%, así como a gratuidade da gardería municipal.
MÁIS ATENCIÓN A ASOCIACIÓNS DEPORTIVAS E CULTURAIS
Entre os aspectos destacados destas contas, está o incremento nun 40% nas axudas aos clubs de fútbol, tendo en conta a necesidade de adquirir test de antíxenos. Por último, o Goberno soberino prevé que este ano haberá bases para axudas a festas parroquiais e asociacións culturais.
MÁIS DE MEDIO MILLÓN DE EUROS EN INVESTIMENTOS REAIS
No apartado de investimentos, a previsión inicial para o 2022 inclúe 560.000 euros. Desta cantidade, máis de 150.000 financiarán a mellora de camiños municipais, e outra partida similar servirá para reurbanizar puntos en San Martiño de Arroxo, Lobios e Sober. Así mesmo, haberá partidas para intervencións nos dous campos de fútbol do Concello, para resembrado e para instalar novos bancos de uso dos xogadores. Outras partidas adicaranse a melloras nas redes de saneamento e abastecemento.
CONVENIOS COAS CONSELLERÍAS PARA OBRAS
A maiores, os Orzamentos de 2022 incorporan partidas para convenios coa Xunta, como os 100.000 euros do convenio coa Consellería de Medio Ambiente para saneamentos, e os 50.000 do convenio con Medio Rural.
SEGUEN AS AXUDAS AOS ESTUDANTES EMPADROADOS NO MUNICIPIO
Terán continuidade as axudas para libros e material escolar para Infantil e Primaria, así como as axudas aos universitarios e, neste ano, aos de Bacharelato e Ciclos Superiores.
FOMENTO DO EMPREGO
Para políticas de emprego, o Concello de Sober inclúe unha partida que supera os 80.000 euros. Así mesmo, contémplase unha subida salarial para todo o persoal municipal de ata o 2%, o máximo estipulado nos Presupostos Xerais do Estado para este ano.•