• Os concellos percibirán estes recursos para manter e mellorar os servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego, e tamén para impulsar o tecido produtivo e asociativo municipal
• Redacción- MONFORTE. A Deputación de Lugo investirá máis de 6 millóns de euros na zona sur da provincia a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2022. As bases xa foron aprobadas no Pleno de decembro e publicadas no Boletín Oficial da Provincia do luns 10 de xaneiro. Xa está aberto o prazo para que cada municipio poida solicitar os investimentos e accións a financiar con estes fondos provinciais.
MELLORA DE SERVIZOS PÚBLICOS E
INFRAESTRUTURAS
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explica que os concellos de Bóveda, Folgoso do Caurel, Quiroga, Taboada, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober, O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela percibirán este recursos económicos para manter e mellorar servizos públicos e infraestruturas, fomentar o emprego e impulsar o tecido produtivo e asociativo, entre outras actuacións encamiñadas a atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.
SIMPLIFICACIÓN DOS TRÁMITES
Tomé Roca subliña que dende o inicio do mandato “incrementamos a dotación económica do Plan Único”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para que lles sexa máis útil”, explica o Presidente, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, a Deputación simplifica a tramitación e os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando prazos intermedios.
APROBACIÓN EN PRAZO
Este é o segundo ano consecutivo, dende que existe este programa provincial de investimentos, que o Goberno provincial aproba as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.
Ademais, os concellos poderán imputar os gastos de contratación de persoal dende primeiros deste ano ao abeiro do Plan Único 2022, o que favorecerá a creación de postos de traballo.
CRITERIOS PÚBLICOS E OBXECTIVOS
A Deputación de Lugo aplica criterios que son públicos e obxectivos para a distribución dos fondos, como a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento. Ademais, fixa un máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e de 200.000€ para os concellos que teñen menos.
REPARTO POR
CONCELLOS
A distribución de fondos e a seguinte: Bóveda: 246.877,91€. Carballedo: 316.550,68€. Chantada: 471.849,81€. Folgoso do Caurel: 269.009,93€. O Incio: 289.486,97€. Láncara: 298.607,89€. Monforte de Lemos: 500.000,00€. Pantón: 330.103,55€. Paradela: 291.020,42€. O Páramo: 245.691,31€. A Pobra do Brollón: 283.495,95€. Quiroga: 351.988,04€. Ribas de Sil: 231.114,70€. Samos: 282.251,29€. Sarria: 500.000,00€. O Saviñao: 383.959,75€. Sober: 323.730,24€. Taboada: 329.800,53€. Triacastela: 204.414,27€.•
Maite Ferreiro valora positivamente a aprobación do Plan Único, que permitirá que os concellos planifiquen actuacións desde o inicio do ano
• Redacción- MONFORTE. A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro valorou moi positivamente a aprobación no Pleno provincial das bases do Plan Único de Cooperación con Concellos, que permitirá que os concellos poidan planificar desde o principio do ano actuacións concretas con eses fondos que ascenden a un total de 21.5 millóns de euros.
CONTINUIDADE DA
POLÍTICA DE REPARTO EQUITATIVO
A Vicepresidenta Maite Ferreiro subliñou que “se dá continuidade a unha política de reparto equitativo de fondos que beneficiará á veciñanza de todos os concellos e que, un ano máis, se artella nos prazos axeitados para que as entidades locais poidan dispoñer dos recursos desde principios da anualidade”
As bases aprobadas recollen os criterios de distribución do Plan Único entre os concellos, determinando un mínimo de 150.000 euros e un máximo de 500.000, e establecendo como criterios de ponderación a poboación (40%), as entidades de poboación (25%), a superficie (20%) e o índice de envellecemento (15%). •