BNG e PP demandan melloras nos servizos ferroviarios das comarcas de Lugo

Imaxe do voceiro nacionalista, Efrén Castro e da Vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro. GPVDL.

• Redacción- MONFORTE. O Pleno provincial aprobou, a iniciativa do BNG, unha moción en demanda de melloras nos servizos ferroviarios. O voceiro nacionalista, Efrén Castro, lembrou que Lugo é a única cidade do país que non ten conexión directa con Compostela, que continúa sen electrificar a vía tanto cara á Ourense como cara á Coruña ou o desmantelamento da liña Ferrol-Ribadeo e dos servizos ferroviarios comarcas do Sur, con deficiencias de persoal e mantemento e unha merma contínua de paradas e frecuencias. “A chegada do AVE a Ourense supuxo un golpe na conciencia dos veciños e das veciñas porque puxo no primeiro plano unha realidade da que apenas se falaba”, reflexionou o deputado que, incidiu en que, “para Lugo, que ten practicamente como única infraestrutura de conexión directa co resto do país a A-6, coa ameaza de imposición de portaxes nun prazo breve, os servizos ferroviarios son unha cuestión estratéxica”.
A proposta, aprobada cos votos a favor de BNG e PSdeG e a abstención do PPdeG, esixe ao Goberno a electrificación completa a vía entre Lugo-Ourense e Lugo-A Coruña; a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes; a dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte como na liña Ferro-Ribadeo; así como a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren como servizo de cercanías.
Ademais, demanda á Xunta de Galicia a transferencia das competencias en materia ferroviaria para iniciar os traballos e estudos necesarios para a planificación e posta en marcha dun tren galego de proximidade.•

Os senadores do PP trasladan ao Goberno que a última supresión de liñas ferroviarias prexudica aos usuarios do sur de Lugo

Os senadores Rosa Arza, Xosé Manuel Barreiro, Manuel Lorenzo Varela e Juan Serrano preguntan ao Goberno que planes ten para a conexión da provincia de Lugo co AVE. . GPPP..

• Redacción- MONFORTE. Renfe segue eliminando as frecuencias ferroviarias en Lugo. Agora tócalle ao sur da provincia, cuxos usuarios se ven prexudicados polos cambios nos horarios das liñas que chegan da Coruña e Vigo. Estes son os argumentos dos senadores lucenses do PP -José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano- para instar ao Goberno de Pedro Sánchez a reparar “o grave dano” que está a causar aos usuarios do sur da provincia “con tal política de recortes”.
Consideran os populares que estes cambios nos horarios provocaron unha deficiente conexión das cidades da Coruña, Santiago e Vigo con San Pedro do Sil (Pantón), Areas (Sober), Canabal (Sober), Monforte de Lemos quedando fóra de liña polas tardes, así como A Pobra do Brollón (Lemos) e San Clodio-Quiroga, xa que o único enlace que segue operativo sae de Vigo ás 13:55 horas e chega ás 17:20 horas a San Clodio; un percorrido, advirten, “que tamén leva unha hora e media máis que se realizáronse nun vehículo particular”.
Neste sentido, cómpre sinalar que os trens da Coruña e Santiago con conexión en Vigo foron moi utilizados polos universitarios do sur de Lugo que estudan nas citadas cidades, especialmente os venres pola tarde, momento no que regresaban a as súas casas para pasar a fin de semana. “Agora Renfe deixounos sen esta posibilidade”, engaden.

CONEXIÓN DE LUGO COA ALTA VELOCIDADE FERROVIARIA
Os senadores populares preguntan ao Goberno que planes ten para a conexión da provincia de Lugo co AVE. Lembran que “o 21 de decembro de 2021 chegou a Galicia a Alta Velocidade ferroviaria, pero fíxoo discriminando e marxinando á provincia de Lugo: o traxecto entre Lugo e Madrid leva máis do dobre de tempo que o traxecto entre Ourense e a capital de España”. Engaden que “a negativa do Goberno central de construír a variante de Rubián e a ligazón de Os Peares supón que o traxecto entre Lugo e Madrid sexa unha hora e media máis longo do que podería chegar a ser se se construísen estas estruturas crave para mellorar a conexión entre Lugo e Ourense. Destacan que “ademais, a falta de frecuencias e os horarios dalgúns traxectos, que non se adaptan ás necesidades dos cidadáns, provocan que os veciños de Lugo non poidan chegar a Madrid pola mañá, co prexuízo que iso supón”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Concello de Monforte iniciou as obras de mellora das cubertas nas naves do polbo do mercado gandeiro

Seguinte Nova

A Xunta destina 102.000 € á Unidade de Atención Temperá de Quiroga, O Courel e Ribas de Sil

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: