O BNG ve insuficientes as actuacións, e o PP pide a mellora da N-120 e a construción da A-76
• Redacción – MONFORTE. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana executou traballos para reforzar a seguridade viaria na estrada N-120.
REFORZO DA SINALIZACIÓN HORIZONTAL
Os traballos consistiron no reforzo da sinalización horizontal nos treitos con dobres carrís da devandita estrada ao seu paso polos concellos de Monforte, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil e Quiroga. Os traballos leváronse a cabo concretamente entre os kilómetros 492 a 515.
Esta obra de mellora da sinalización horizontal supuxo un investimento de 44.652 euros.
Dentro desta actuación realizáronse os seguintes traballos:
- Repintado de marca viaria lonxitudinal retrorreflectante de 10 cm de anchura, con pintura acrílica de emulsión
- Formación de resaltes sonoros de 100x50x3 mm executados con pintura termoplástica branca aplicada por extrusión
- Marca viaria de 10 cm executada con pintura acrílica vermella e microesferas de vidro.•
O BNG DE LUGO SUR VE INSUFICIENTES AS ACTUACIÓNS LEVADAS A CABO NA N-120
• Redacción – MONFORTE. As obras de mellora acometidas polo Goberno, non convencen ó BNG do sur de Lugo. Estes consideran insuficientes ditas actuacións. Lembran que no pasado mes de outubro o deputado nacionalista Néstor Rego presentou unha iniciativa no Congreso dos Deputados solicitando o arranxo da N-120, considerando como imprescindebles os investimentos para acometelo de xeito urxente. “Reforzar a seguridade viaria está ben, mais o primeiro que se debería facer é o arranxo do firme, especialmente naqueles tramos onde presenta un deterioro moi notable, así como a habilitación de carrís adicionais” declara Rosana Prieto, Responsable Comarcal do BNG. “Levamos tempo solicitando o arranxo desta estrada, fundamental no desenrolo da nosa comarca e principal vía de comunicación co sur do País e coa meseta” engade.•
O PARLAMENTO GALEGO SOLICITA AO GOBERNO CENTRAL QUE MELLORE A N-120 E ACTIVE A CONSTRUCIÓN DA A-76
• R. – MONFORTE. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno de España a solicitude para que leve a cabo as obras nas infraestruturas comprometidas no sur da provincia de Lugo e o oriente da de Ourense, nomeadamente os carrís de adiantamento na N-120 e a activación da A-76.
RAQUEL ARIAS LAMENTA A DEIXADEZ DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ
A deputada popular Raquel Arias lembrou que a estrada N-120 é a única vía de comunicación entre as comarcas orientais de Ourense, a capital desta provincia e a comarca de Lemos. “Diante desta situación, desde o PPdeG temos solicitado en numerosas ocasións, tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia, a construción dos carrís de adiantamento na estrada N-120 e da A-76, a autovía pensada para ser alternativa á estrada nacional”, lembrou.
Arias recordou que o Goberno de Rajoy iniciou en 2017 a redacción dun proxecto para a implementación dun terceiro carril na N-120 entre os quilómetros 548,8 e 564. “Porén, máis de catro anos despois, o Goberno de Pedro Sánchez amosa unha absoluta deixadez e desprezo por esta obra, o que nos parece unha ofensa cara aos veciños das comarcas de Valdeorras, Lemos e Ourense, pero tamén a todos os usuarios desta estrada”, lamentou.
“Para reverter esta situación, o Goberno central ten agora unha oportunidade de ouro a través do mecanismo de recuperación e resiliencia, ademais de que se apropiou de 43,86 millóns de euros das comunidades autónomas, deputacións e concellos para actuacións de seguridade viaria en Galicia”, indicou Raquel Arias.
A deputada considerou “dubidoso que o Goberno central leve a cabo estes planes, xa que a primeira decisión que adoptou foi deixar fora desta partida orzamentaria á provincia de Ourense”. •