ESPECIAL FITUR 2022

Galicia e o Sur de Lugo amosan o seu potencial turístico

Lugo, Provincia de Cine: A campaña da Deputación impulsa o turismo a través do audiovisual

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a nova campaña Lugo, provincia de cine, coa que a institución busca impulsar o turismo a través do audiovisual como unha vía “moi interesante e fructífera para a promoción do territorio” que pode converterse ademais nun “factor de desenvolvemento do rural”. No acto, celebrado no stand de Turespaña, estivo presente a Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto; o Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, entre outros deputados e deputadas, ademais de alcaldes e alcaldesas, e operadores e medios nacionais e internacionais.
Para a presentación, a Deputación de Lugo contou coa participación do presidente e fundador de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o produtor de Gaitafilmes, Suso López, e o produtor audiovisual de Amanita Films e codirector do festival FanCine, Iván Patiño, todos vinculados ao sector audiovisual, que explicaron o potencial da provincia como fonte de inspiración e como escenario de producións.
Co proxecto Lugo, provincia de cine, a Deputación pretende consolidar “un modelo de turismo sostible, non masificado, cunha oferta de calidade e diversificada, vinculado coa natureza, o patrimonio cultural, a historia e a gastronomía”, incorporando “ás múltiples opcións” existentes na actualidade “o turismo ligado ás rodaxes, buscando a complicidade da ilusión, o dinamismo e a maxia que sempre suxire a produción audiovisual”, explicou o Presidente.
Tomé Roca lembrou que a Deputación mantén “un apoio decidido ao audiovisual, unha aposta pola cultura e pola economía, cun sector que non deixa de medrar. Pero tamén estamos convencidos de que a presenza de paisaxes da nosa provincia nas salas, nos festivais e nas plataformas audiovisuais constitúe unha vía moi interesante e fructífera para a promoción do territorio”. “Buscar a interrelación entre a produción audiovisual e o turismo pode converterse, sen dúbida, nun factor de desenvolvemento para o rural”, incidindo en que “as rodaxes teñen un retorno económico directo e logo, o impacto da estrea abre unha nova vía de desenvolvemento, ao atraer visitas aos lugares onde se ambientaron producións de éxito, como poden ser O Sabor das Margaridas, Doghs, O que Arde ou Live is Life, por citar só algunhas das máis recentes”. Desta forma, asegurou o mandatario provincial, “o turismo convértese nun factor de equilibrio territorial, nun sector capaz de xerar emprego de calidade que permita á mocidade do rural desenvolver proxectos de vida nos seus lugares de orixe porque, ao igual que o cine é un diálogo entre o creador e os espectadores, o turismo é un encontro entre o que chega e o que vive habitualmente nun lugar”. O Presidente puxo en valor a longa tradición da provincia como escenario de rodaxe de producións audiovisuais, “protagonizada por directores como Gracia Querejeta, Manuel Gutiérrez Aragón, Mario Camus ou Gonzalo Suárez, e que, entre moitos outros, renovaron máis recentemente con éxito creadores como os irmáns Coira, Oliver Laxe e Dani de la Torre”. José Tomé resaltou así mesmo o vínculo entre a ficción audiovisual e o turismo. “Son un símbolo da democratización da cultura do ocio no século XX. Saímos de viaxe coa mesma ilusión coa que nos asomamos á pantalla, para descubrir mundos novos, sentir emocións diferentes ou vivir novas experiencias”.•

A Ribeira Sacra acode a Fitur coa recentemente estreada declaración como Reserva da Biosfera, e presenta o seu novo logotipo como destino de interese turístico

Imaxe da presentación en Fitur 2022 da proposta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Abaixo, á dereita o novo logotipo. Foto CTRS.

• Redacción- MONFORTE.
O Consorcio Turístico Ribeira Sacra, presentouse na Feira Internacional de Turismo FITUR 2022 celebrada en Madrid, co lema «Ribeira Sacra, agora si, Reserva da Biosfera». E fíxoo na caseta de Galicia, contando cunha nutrida participación de representantes institucionais. No acto interviñeron o Presidente do Consorcio de Turismo, Luis Fernández Guitián, a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén Mª do Campo Piñeiro, o Vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández Fernández, o Presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca e a Directora de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro Domínguez. Ademais, entre o numeroso publico asistente, atopábanse na sala os Delegados Territorias da Xunta de Galicia, Deputados, alcaldes e concelleiros da zona, Presidente do Consello Regulador e da Asociación Empresarial de Turismo Rural, e empresarios turísticos do territorio e axentes de viaxes.
O máis reiterado e resaltado de xeito unánime polas autoridades que tomaron a palabra é o modelo de unión que se dá na Ribeira Sacra, único en Galicia, recoñecendo que a Ribeira Sacra é o destino de moda en Galicia e que vive un dos seus mellores momentos, a pesares da situación de pandemia no ámbito sanitario.
Durante o evento, Luís Fernández Guitián, Presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e alcalde de Sober, aproveitou para destacar o fito que supón a recente declaración da comarca como Reserva da Biosfera, xunto coas serras de Ou Courel e Ou Oribio.


O Consorcio de Turismo aproveitou o evento para presentar a súa nova imaxe de marca, e unha nova guía turística. Respecto ao logo deseñado, a idea do mesmo xira ao redor dunha natureza estrela, un patrimonio estrela, que se redondea, como a experiencia de coñecer a Ribeira Sacra, unha estrela que tradicionalmente se vinculou con conceptos turísticos (categorías hostaleiras), da cor da sustentabilidade, verde, como símbolo de unión para toda a comarca.•

Galicia presentouse en Fitur 2022 co obxectivo de ser un destino internacional de referencia

O titular do Goberno galego acompañou ás Súas Maxestades Os Reis no seu percorrido inaugural polo expositor da Comunidade. GPXG.

• Redacción- MONFORTE. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, durante a presentación do Xacobeo 2021-2022. Camiña a Galicia en FITUR, , que Galicia está enfocada neste 2022 a ser un destino internacional de referencia.

INVITACIÓN AOS REIS A VISITAR GALICIA
O presidente galego acompañou ás Súas Maxestades Os Reis no seu percorrido inaugural polo expositor da Comunidade, e fixo deste xeito unha “invitación formal” a visitar Galicia e desfrutar do Ano Santo, “a festa universal de Europa occidental”. “Sempre é un bo momento para visitar Galicia e sempre hai un sitio para quen desexe coñecela”, abundou.

DEIXAR ATRÁS A PANDEMIA DO COVID
Nesta liña, afirmou que o que naceu para indicar ao peregrino o final da súa meta -en alusión a lanterna que coroa a Torre do Reloxo da Catedral-, hoxe simboliza unha chama de ilusión por deixar atrás a covid e volver acender o xúbilo do Ano Santo 21-22. “O esplendor do Camiño volve ser o mellor antídoto contra a tebra da pandemia”, recalcou.
Con este obxectivo, recordou que o Goberno galego adaptou os albergues, os locais e o Camiño á nova situación sanitaria; formou ao persoal; inxectou máis de 120 millóns ao sector hoteleiro; e implantou un seguro coronavirus para dar confianza ao viaxeiro. Ademais de avanzar unha nova edición para este 2022 do Bono turístico, con descontos nos hoteis galegos e que, desde a súa posta en marcha, entregou xa 12.000 tarxetas.

A IMPORTANCIA DA CHEGADA DO AVE A OURENSE
Así mesmo, salientou que “nunca antes estiveramos tan cerca de todos e de todo”, referíndose á posta en servizo do AVE Madrid-Ourense.

DESTINO DE CALIDADE TURÍSTICA
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta fixo fincapé en que Camiñar a Galicia é facelo cara a un destino de calidade inigualable, marcado por escenarios excepcionais, pola cultura, a gastronomía e a hospitalidade, como exemplifican os 328 establecementos coa Q de calidade turística cos que conta.
Sobre este punto, aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido co sector, que en 2021 fixo posible que a demanda turística na Comunidade crecese 25 puntos máis que a media de España; “e acabamos o pasado ano con 180.000 compostelas entregadas, 40.000 máis por riba do obxectivo máis ambicioso que tiñamos”, precisou.

TALENTO GALEGO NA PROMOCIÓN DO TURISMO
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o talento galego na promoción do turismo e do Xacobeo nun ano tan especial para Galicia como é o 2022. Fíxoo en Fitur, na presentación da colección “El pulpo peregrino”, que promociona o Ano Santo a través da moda.
Alfonso Rueda destacou a importancia da industria téxtil para Galicia e o alcance do seu deseño e da súa moda para a proxección dunha imaxe moderna e vangardista da comunidade, un aspecto de especial relevancia nun momento no que o turismo de Galicia aspira a fusionar tradición con innovación. Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta resaltou que a proposta de “El pulpo” en particular, e o stand de Galicia en Fitur, en xeral, “son un escaparate do mellor que ofrece Galicia: o seu empuxe empresarial, a súa modernidade e o seu factor humano ao servizo dun evento de alcance mundial como é o Xacobeo”.•

Monforte promociona o seu pasado xudeu e a torre da Homenaxe en Fitur

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis da metade do Orzamento de 2022 en Sober irá a gasto social e benestar comunitario

Seguinte Nova

Novos documentos sobre o Castelo de Montefurado

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: