A voltas coa terceira praza de médico en Pantón

• A Xunta insiste en que o centro de saúde de Ferreira de Pantón mantén e manterá a tres prazas de facultativo asignadas

Xa pasaron máis de dous meses desde o comezo das mobilizacións na comarca de Pantón para que o Sergas mantivese as tres prazas de médico de Familia, tras a xubilación da doutora Rosa Mareque.

FALSIDADES E PROCLAMAS POLÍTICAS
Entón o delegado provincial da Xunta en Lugo, Javier Arias denunciou o que consideraba “falsidades e proclamas políticas que non teñen máis fundamento que o de prexudicar ao Goberno galego pero o que logran é xerar preocupación entre os veciños”.
Arias aseguraba entón que non se iba a amortizar ningunha das prazas, e que, lonxe de empeorar, están previstas melloras na
atención sanitaria no municipio coa construcción dun novo centro de saude. E finalmente, a primeiros de este mes de febreiro, a xerencia sanitaria de Lugo, que segúnb sinala o Concello de Pantón, levaba semanas traballando e realizando os trámites necesarios para lograr cubrir de xeito continuado cun mesmo facultativo a praza que quedara vacante por un concurso de traslados, estárá en condicións de cubrir esa terceira praza de modo continuado en breve.

COMPROMISO DA XUNTA NO MANTENEMENTO DAS TRES PRAZAS
A Xunta insiste en que o centro de saúde de Ferreira de Pantón mantén e manterá a tres prazas de facultativo asignadas, tanto na actualidade como cando comece a funcionar o novo centro de saúde que o SERGAS construirá no concello.
Desde a Xunta insisten que “malia as continuas críticas e a utilización política dunha situación provocada, exclusivamente pola escaseza de persoal nas listas de contratación que imposibilita cubrir todas as ausencias, permisos, vacantes e outras situacións laborais que se producen a diario nos centros de saúde e hospitais, a xerencia sanitaria de Lugo mantivo en todo momento o seu compromiso de cubrir cun mesmo facultativo a praza vacante de Ferreira de Pantón. Con todo, mentres non foi posible a cobertura desta praza de xeito continuado, foise cubrindo sempre que foi posible conseguir un substituto.”

NOVO CENTRO DE SAUDE
O Sergas construirá un novo centro de saúde en Ferreira de Pantón que incrementará a superficie do actual ao tempo que permitirá mellorar a organización funcional do centro creando espazos máis amplos, modernos e funcionais.
O centro de saúde de Pantón ten adscritas 2.100 tarxetas sanitarias, unha media de 700 cartillas por facultativo, mellorando significativamente a ratio considerada ideal polas sociedades científicas.

DEBATE NO PARLAMENTO DE GALICIA
A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, incidiu no Parlamento galego no compromiso da Xunta coa sanidade no concello de Pantón, “que se manifesta co cumprimento da reposición do terceiro médico sen amortizar a praza e coa construción dun novo centro de saúde”.
Encarna Amigo cualificou a BNG e PSdeG de “oportunistas” ao debater esta no Parlamento unha iniciativa sobre a atención sanitaria en Pantón, porque “válelles todo para desprestixiar a sanidade en Galicia”. Salientou que “o propio conselleiro xa anunciou que se poñerá un terceiro médico, que substituirá ao facultativo que se xubilou e que tiña alí a súa praza”. “Esta praza do médico xubilado non se amortizou, o que pon de manifesto o compromiso de continuidade dun terceiro médico en Pantón”, salientou a portavoz popular. •

O BNG califica o anuncio de propagandístico

A deputada nacionalista Carme Aira recriminou á Xunta no Parlamento galego o anuncio realizado da cobertura estable da terceira praza de médica no centro de saúde de Pantón, “dun modo oportunista, efectista e propagandístico”, xa que, curiosamente, prodúcese o mesmo día que o Parlamento galego debatía unha iniciativa do BNG na que se instaba ao Goberno galego a repoñer a totalidade do persoal facultativo do centro. “Vese que médicas e médicos hai, o que pasa é que o Sergas espera a que se traian ao Parlamento iniciativas deste tipo para inactivalas prometendo estabilidades para as e os profesionais e para atención sanitaria, aínda que nesa nota de prensa se subliña que será realidade nas vindeiras semanas”, reprochou, para advertir a continuación das promesas realizadas previamente en numerosas ocasións polo Goberno do PP e que foron incumpridas.
“Mentres non se materialice esta decisión e o ou a facultativa estea desenvolvendo o seu labor no centro de saúde, este é un médico de nota de prensa”, concluíu con severidade do anuncio que, ao seu xuízo, “é para deixar tranquilo ao alcalde, que andaba algo atribulado con este tema, e veremos en que remata esta promesa” e que, segundo recalcou tamén, “non invalida por tanto a iniciativa parlamentaria do BNG”, que foi aprobada finalmente por unanimidade na Cámara galega. Aira apuntou os problemas que ten unha poboación dispersa (2.500 habitantes distribuídos en máis de 200 entidades de poboación repartidas en 147 quilómetros cadrados) e cunha elevada media de idade para recibir atención sanitaria no concello, o que a obriga moitas veces a pagar taxi, porque non existen medios de transporte público, “para ir á médica, que se non está en Pantón, teñen que ir ao PAC a Monforte”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os hackers rusos tamén atacan aos concellos do rural galego

Seguinte Nova

Ata 25.000 Euros para rehabilitación de vivendas na Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre PORTADA

Día da Transrománica

• A Deputación organiza en maio 16 rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia con 400

A %d blogueros les gusta esto: