• Celebrarase o sábado día 16 e o domingo 17 de abril de 2022, coincidindo co fin da Semana Santa
Aínda que paradoxalmente, o número de contaxios por Covid-19 está alcanzado as cifras máis elevadas durante toda a pandemia, o Concello, está paulatinamente recuperando os eventos festivos tradicionais de Monforte. En Nadal celebrouse cabalgata, recupérase o Entroido e xa está en marcha a preparación da XVIII Feira Medieval. O dous pasados anos non se puido celebrar, pero agora xa se traballa nunha das propostas máis exitosas do panorama festivo monfortino. Como ben sinala o seu alcalde José Tomé, “A Feira Medieval de Monforte é un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra. Queremos que a xente a poida seguir incluíndo dentro da súa programación de descanso e de ocio nas vacacións de Semana Santa, e traballamos para que así sexa”. Lembra o mandatario monfortino que «por mor da pandemia non se puido celebrar nin en 2020 nin en 2021 o que é un dos eventos máis destacados e que máis xente atrae a Monforte, pero o pasado ano dende o Concello elaboramos dous vídeos promocionais con actores de renome co obxectivo de non esquecernos da Feira Medieval e que servisen de impulso para volver con máis forza neste 2022”.
E comeza xa o Concello a traballar, de xeito xa está aberto o prazo para solicitar a participación na XVIII Feira Medieval de Monforte que se celebrará o sábado día 16 e o domingo 17 de abril de 2022.
Segundo se especifican nas bases da convocatoria, o 28 de febreiro remata o prazo de inscrición, e o día 16 de marzo publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo de inscrición. Admitiranse tres modalidades de postos: alimentación, artesanía e comercio. E darase prioridade ás solicitudes de vendedores de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá. O Alcalde salienta que “con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, neste caso a Feira Medieval, cumprindo así co noso compromiso de volver a recuperar a normalidade fronte a covid-19, sempre que sexa posible segundo evolucionen as circunstancias determinadas pola pandemia”.•