Ata 25.000 Euros para rehabilitación de vivendas na Ribeira Sacra

• Este programa de recuperación de inmobles, dotado de 570.000 euros, está dirixido aos 25 concellos que integran este ámbito supramunicipal

Os delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense visitaron os traballos de mellora dun inmoble en Ribas de Sil que recibiu unha axuda o pasado ano. Foto GPXG.

Os veciños da Ribeira Sacra que desexen mellorar o estado actual das súas vivendas dispoñen de axudas de ata 25.000 euros, que xa poden solicitar dende ata o 30 de setembro a través da Sede electrónica da Xunta.
Os delegados territoriais da Xunta en Lugo, Javier Arias, e en Ourense, Gabriel Alén, visitaron esta mañá dous inmobles localizados en Ribas de Sil e Esgos que se beneficiaron dunha subvención desta liña de rehabilitación ao abeiro da convocatoria de 2021.
Este programa de recuperación edificatoria xestionado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo está dirixido especialmente aos veciños dos 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense, que conforman esta área supramunicipal, e que disporán dun orzamento de case 570.000 euros para o actual exercicio.
Os delegados territoriais recordaron que as actuacións subvencionables son as obras de mantemento a fin de adecuar os edificios á normativa vixente, aquelas coas que se mellore a eficiencia enerxética das vivendas, así como as que adapten as condicións de accesibilidade. Nese sentido, invitaron aos propietarios de edificios ou vivendas situadas nesta ARI a acollerse a estes incentivos.

BALANCE DA CONVOCATORIA 2021
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras nun edificio de cinco vivendas en San Clodio (Ribas de Sil), onde se instalou un ascensor grazas a unha achega de 26.500 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias explicou que nos últimos meses se executaron catorce proxectos de construción ou reforma en sete municipios lucenses ao abeiro do ARI da Ribeira Sacra. Ribas de Sil rexistrou cinco iniciativas, cun total de nove vivendas beneficiarias; en Monforte de Lemos leváronse a cabo tres actuacións, dúas en Taboada, e as demais en Quiroga, O Saviñao, Chantada e Pantón. Suman un orzamento total de 136.700 euros en axudas.
Asemade, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Mario Rodríguez, visitou esta mañá á comunidade de propietarios de Saramagal, en Esgos, que recibiron unha axuda -de 24.150 euros- para instalar un ascensor nun edificio de doce vivendas.
Nesta provincia, a convocatoria pechouse coa concesión dun total de vinte expedientes en nove municipios ourensáns que integran a ARI.
Destacan os concellos de Nogueira de Ramuín, Montederramo e Castro Caldelas, onde tres veciños de cada concello recibiron unha axuda, mentres que nos municipios de Esgos, Parada de Sil, A Teixeira, A Peroxa e Xunqueira de Espadañedo se concederon dúas subvencións en cada un. Pecha a lista A Pobra de Trives coa concesión dunha axuda.
En total, os concellos ourensáns desta ARI recibiron un orzamento de 156.511 euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A voltas coa terceira praza de médico en Pantón

Seguinte Nova

Presentouse o libro Alejando Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos

Últimas noticias sobre AXUDAS

A %d blogueros les gusta esto: