• Son alumnos da 13ª promoción de Policía Local que remataron en decembro a súa formación teórica na Academia Galega de Seguridade Pública
Dos 98 alumnos da 13ª promoción da Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP ), que remataron a súa formación teórica na academia o pasado decembro, tres deles remataron as súas prácticas no Concello de Monforte, onde tomaron posesión o como funcionarios de carreira. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, sinalou o importante labor que presta a AGASP na formación das novas promocións de Policía Local e na súa selección a través das oposicións unificadas a través do convenio asinado en 2017 coa FEGAMP para colaborar cos concellos galegos que dedican delegar no Goberno galego a selección e formación das súas plantillas de Policía Local. Ata agora, 89 concellos dos 129. A AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que traballan na comunidade para garantir a seguridade dos galegos e galegas.
Pola sua banda, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu a toma de posesión coma funcionarios de carreira dos tres novos policías municipais, que pasan a pertencer ó cadro de persoal funcionario do Concello de Monforte de Lemos. No acto estivo acompañado da 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Secretario do Concello, José Antonio Mourelle, e o Inspector Xefe da Policía Local, Miguel Martínez.
Os tres novos axentes da Policía Local de Monforte son Iván Pérez Nogueira, de O Carballiño, Francisco Cao de Jesús, de A Estrada, e Adrián Conde Castro, natural de Lugo. Ocupan a súa praza no Concello na escala de Administración Especial, escala básica, na categoría de axente de Policía Local, grupo C1.
Neste acto, o Alcalde aproveitou tamén para departir cos novos axentes sobre o funcionamento do corpo da Policía Local e outros aspectos relacionados coas súas futuras funcións na cidade e no conxunto do Concello. E tamén lles desexou moita sorte nesta nova etapa que comezan ó servizo dos cidadáns de Monforte.
Os tres axentes despois de pasar pola Academia Galega de Seguridade Pública de A Estrada levaron a cabo un último período de prácticas dende o 23 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2021, superando todo o proceso de xeito satisfactorio.•