• Despois do empate ante Ribadeo e a vitoria ante o Santaballés

Non poido o Lemos culminar unha semana perfecta derrotando ao Ribadeo na Pinguela no partido aprazado correspondente á xornada 16. Mereceu a vitoria, pero non tivo a sorte de cara ao gol que mostrou no derbi ante o At. Escairón no partido anterior, e ante o Santaballés, ao que venceu a domicilio por 0-1. Os lemistas teñen unha oportunidade de encaramarse ao terceiro posto, pois reciben na Pinguela ao Foz, mentres que o Betanzos, directo rival na pelexa polo terceiro posto, visita o difícil campo do Vitoria da Coruña.
A SD SARRIANA SEGUE INTRATABLE
Pola sua banda a SD Sarriana gañou fácil na súa visita a Escairón, ante un equipo local moi minguado polas baixas. Os de Edu seguen no máis alto da táboa, aínda que o Montañeiros séguelles de preto a tres puntos e cun partido menos. Os sarriáns reciben ao Santaballés na seguinte xornada, mentres un desafiuzado At. Escairón rende visita ao Ribadeo.