O teatro cobra protagonismo na axenda cultural

• Despois da presenza de María Barcala coa obra Libre coma os páxaros, o Concello de Monforte convoca o XXIX Certame Municipal para Centros de Ensino

O teatro recupera o protagonismo na actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2022. Asi, tras a excelente interpretación de María Barcala no papel de Rosalía de Castro na obra Libre coma os páxaros dirixida por Xulio Lago, do Teatro do Atlántico, da que se puido gozar esta semana no Multiusos, o Concello de Monforte, anúncia agora, a través da súa Concellería de Cultura, a convocatoria do XXIX Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte. Trátase dun certame que terá lugar na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 21 de abril ó 11 de maio de 2022, sempre atendendo ás medidas sanitarias vixentes polo Covid-19.
No certame poderán participar todos os centros de ensino de Monforte de Lemos representando unha soa obra de teatro; así mesmo tamén poderán participar como invitados outras asociacións ou colectivos locais despois da correspondente petición e da aceptación por parte da Concellería de Cultura.

INSCRICIÓN
As solicitudes de inscrición para a participación no certame poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte. O derradeiro día para realizar a inscrición é o 23 de marzo.
A documentación que haberá que presentar é título da obra, autor, reparto, nome do director ou directora, sinopse e duración da mesma.
Todos os participantes no Certame deberán pertencer obrigatoriamente ó centro ó que representan. As obras que representen os centros de ensino terán unha duración mínima de media hora e deberán ser estreadas no certame.

POSTA EN ESCENA
As datas da posta en escena de cada unha das obras que se presenten, serán determinadas pola Delegación Municipal de Cultura e os centros de ensino nunha reunión o 23 de marzo no Concello. En todo caso, todas as representacións das obras de teatro terán lugar no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, sempre en horario de 20:00 horas.

COLABORACIÓN E PREMIO
O Concello colaborará cos centros de ensino participantes aportando material para a realización da obra por unha cantidade máxima de 100 euros. Os premios consistirán na gravación en DVD das obras representadas que serán entregadas ós centros participantes, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes. A entrega de premios será no Salón de Actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o 18 de maio ás 18:00 h.

CICLO DE TEATRO PARA ADULTOS
A seguinte das obras programadas no ciclo de teatro para adultos será A lúa vai encuberta da compañía Incendiaria que representarase o xoves 10 de marzo no Edificio Multiusos ás 20:15 horas, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados
e xubilados.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O CB Sarria campión da fase regular

Seguinte Nova

O Polígono do Reboredo terá 14.000 m2 dispoñibles para a súa venda

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: