Galicia activa o novo protocolo de identificación e manexo dos contactos estreitos da covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a importancia que supón este cambio no protocolo e fixo unha chamada ao sentidiño, posto que nos últimos días o sistema de rexistro da Consellería de Sanidade está a alertar dun incremento no número de casos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, dan unha rolda de prensa sobre a entrada en vigor do novo protocolo de corentenas de contactos estreitos

Dende o luns, día 7, a Xunta de Galicia pon en funcionamento o novo protocolo de identificación e manexo dos contactos estreitos da covid, logo da actualización sobre a recomendacións das corentenas. Así o anunciou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en rolda de prensa no Edificio Administrativo do Sergas, nun acto no que estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

O titular da carteira sanitaria destacou a importancia que supón este cambio no protocolo e fixo unha chamada ao sentidiño, posto que, nos últimos días, o sistema de rexistro da Consellería de Sanidade está a alertar dun incremento no número de casos (onte dun 26% e hoxe dun 16% sobre o incremento do día anterior), que o conselleiro o asociou, probablemente, aos actos do entroido, polo que apelou á cidadanía a seguir cumprindo as normas e a que se vacine aqueles que non o fixeran.

Tamén remarcou a vontade do seu departamento de rexistrar todos os casos positivos, xa ben sexan os realizados polos profesionais, os feitos diante dos profesionais ou os dos autodiagnósticos, o que nos dá unha incidencia real da covid, -remarcou-.

Protexer aos máis vulnerables

Na súa intervención, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou polo miudo o novo protocolo, que ten como obxectivo dirixir as actuacións a protexer á poboación máis vulnerable, reducindo as medidas que se están a levar a cabo na poboación xeral. Tal e como dixo a directora xeral, cando se fala de ámbito vulnerable é o referido aos centros sanitarios asistenciais, os centros sociosanitarios e outros centros con persoas institucionalizadas.

Por tanto, o estudo de contactos estreitos só se realizará, -dixo Carmen Durán-, entre os casos confirmados de covid de persoas relacionadas con ámbitos ou grupos vulnerables (casos que residen, acoden como usuarios frecuentes ou están ingresados nun ámbito vulnerable; casos que traballan nun ámbito vulnerable na atención directa a outras persoas ou casos que traballan en servizos de axuda no fogar).

Ademais, só se identificarán aos contactos estreitos que tamén estean relacionados con ámbitos vulnerables, e non se realizará identificación dos contactos estreitos na poboación xeral, sendo os propios casos os que deben informar aos seus contactos estreitos para que extremen as medidas de prevención (uso da máscara, evitar o contacto con persoas vulnerables, reducir o posible as interacións sociais, lavado de mans, etc).

Tal e como recordou a directora xeral, contacto estreito é calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso positivo, a unha distancia menor de dous metros durante máis de 15 minutos en 24 horas.

Carmen Durán dixo que todo contacto estreito, se ten síntomas, pasa a considerarse caso sospeitoso, polo que deberá quedar no domicilio en illamento e seguir as instrucións correspondentes. En consecuencia, deberá solicitar a proba diagnóstica confirmatoria, chamando ao 881 54 00 45.

Todo contacto estreito que realiza un test de autodiagnóstico e obteña un resultado positivo, pasa a considerarse caso confirmado, polo que deberá quedar no domicilio en illamento. Os resultados positivos en test de autodiagnóstico débense notificar canto antes cumprimentando o formulario de declaración responsable na web do coronovirus ou chamando ao 881 54 00 45.

Na súa intervención, a directora xeral remarcou á cidadanía que no esqueza as medidas de protección habituais, como son o uso da máscara, a distancia física, a hixiene de mans e a ventilación.

Trátase dun cambio importante, -dixo Carmen Durán-, respecto dos dous últimos anos e non nos podemos relaxar. Cambia o sistema pero hai que manter as medidas recomendadas, -incidiu-.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sentenza favorable ao Concello de Monforte no caso Aqualia

Seguinte Nova

Galicia rexistra un total de 21.256 casos activos por coronavirus

Últimas noticias sobre SAÚDE

A %d blogueros les gusta esto: