Sentenza favorable ao Concello de Monforte no caso Aqualia

• Ademais, o Concello tamén vén de recibir unha resolución positiva pola rescisión da obra do novo Parque do Hospital

Imaxe de arquivo do José Tomé, alcalde de Monforte, satisfeito coas sentenzas e resolucións favorables. Foto ENCOMÚN.

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, ven de dictar sentenza nº 269/2021 na que se desestima o recurso interposto por FCC Aqualia S.A. contra os acordos do Pleno do Concello de Monforte do 24 de febreiro e do 27 de xullo 2020, polos que se requiría a esta empresa a cantidade de 2.221.980,36 euros, máis os intereses de demora, correspondentes ás obrigas contractuais pendentes de executar por esta empresa, en concreto, nos anos 2001 a 2003.
Procede lembrar que a empresa FCC Aqualia S.A tiña formalizado un contrato co Concello para o concesión do servizo de abastecemento de auga, toda vez que gañou o concurso correspondente. Para elo, Aqualia ofreceu unha serie de melloras, que lle permitiron obter a puntuación máxima nese concepto.
As melloras ofertadas pola empresa como “Plan de Investimentos”, consistían na execución de obras por importe total de 400.316.000 pesetas (2.405.947,68 euros), que debían comezar a executarse ós 3 meses da entrada no servizo. Eses traballos adicionais consistían nun estudo de melloras para a adecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, a mellora nos depósitos de San Vicente, a execución de fontes cibernéticas modulares, a execución dun parque acuático en Monforte, así coma outras melloras que favorecesen a prestación do servizo. Con todo, unicamente realizou de maneira parcial, o estudo de melloras para aadecuación técnica da ETAP de Ribasaltas, investindo a cifra de 40.784,96 euros (dos 378.803,49 ofertados) e respecto da construción do parque acuático para Monforte, aportou soamente 143.182,29 euros para a compra de terreos, dos 1.594.236,34 euros previstos para para este proxecto.
Á vista da situación exposta, o 19 de marzo de 2018, o actual Alcalde elevou ó Pleno da Corporación a proposta de requirir á empresa demandante o abono da cantidade de 2.221.980,43 euros, máis os intereses legais, en concepto de importe pendente de executar das obrigacións de investimentos contractuais desta empresa, pero non foi aceptada. Finalmente, o 24 de febreiro de 2020 foi de novo levada a Pleno e aprobada. Ante esta situación, Aqualia interpuxo un recurso contencioso-administrativo no que pedía a impugnación por defecto de forma da decisión acordada polo Pleno do Concello, argumentando a caducidade do expediente, ó que a sentencia do Xulgado responde que “non procede apreciar a caducidade en tanto en canto non nos atopamos ante un procedemento autónomo senón que se trata dunha incidencia na execución do contrato”. Por outra banda, a empresa tamén alegou que desenvolveu obras, en función das necesidades prantexadas, que aínda que non estaban incluídas no Plan de Mellora, si foron obras de mellora executadas. Neste senso, recoñécese por parte da sentenza obras por importe de 734.276,46 euros, das cales corresponden ó Plan de Mellora 183.967,25 euros.
Deste xeito, a sentencia entende “que a empresa actora está obrigada a abonar a cantidade de 1.671.671,22 euros tras haberse recoñecido ó seu favor a cifra de 734.276,46 euros en concepto de obras realizadas e achegas a cargo do Plan de Investimentos.” A estes máis de 1,6M€ deberase engadir “o interese legal do diñeiro a computar desde a data do requirimento formal á empresa (21/03/2018)”.

O CONCELLO TAMÉN RECIBIU RESOLUCIÓN FAVORABLE Á RESCISIÓN DO CONTRATO DO PARQUE DO BARRIO DO HOSPITAL
O Consello Consultivo de Galicia lle tamén ven de dar a razón ó Concello na rescisión do contrato do Parque do barrio do Hospital, logo de que a empresa adxudicataria non cumprira co establecido en dito contrato.
Nas súas conclusións, o Consello Consultivo sinala que “cabe apreciar un suposto incumprimento contractual imputable ao contratista, quen desatendeu de xeito inxustificado a súa obriga de executar as obras no prazo establecido”. Por este motivo, o Consello “informa favorablemente a proposta de resolución deste expediente” avalando así a decisión do Concello de rescindir o contrato establecido coa empresa adxudicataria, Zona de Obras O Rosal S.L..
Para a construción do novo Parque do Hospital, o Concello dispuxo un orzamento de 555.934,16 euros, e establecía un prazo de execución da obra de catro meses. A adxudicación levouse a cabo o 21 de abril de 2021 á empresa Zona de Obras O Rosal S.L., data en que Concello e empresa asinaron o contrato administrativo. A acta de comprobación de replanteo asinouse o 26 de xullo de 2021, co cal a obra tiña que ter finalizado a finais do mes de novembro do pasado ano, concretamente o 26 de novembro do 2021.
José Tomé, amosou a súa satisfacción por esta resolución do organismo autonómico e indicou que unha vez se resolva definitivamente o contrato “dende o Concello poderemos volver a sacar a concurso o que queda por executar das obras deste novo parque, e poñelas de novo en marcha, unha vez que sexa adxudicado o novo contrato. Para elo, elaboraremos un novo proxecto no que incluiremos o que resta por facer para finalizar o novo parque”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova liña de axudas para fomentar o acceso á vivenda de mozos e mozas

Seguinte Nova

Galicia activa o novo protocolo de identificación e manexo dos contactos estreitos da covid

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: