Galicia rematou o 2021 cunha cifra record de exportacións superando os 25.000 millóns de euros

• Na provincia de Lugo, as exportacións creceron un 23,6%, ata os 723,2 M€

O director do Igape, Fernando Guldrís, presentou a información das exportacións galegas no pasado ano 2021, saientando os rexistros históricos que veñen de acadar, pechando o 2021 como o mellor ano desde que hai rexistros ao superar a barreira dos 25.000 millóns de euros. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia acadaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por riba do 12% con respecto ao 2019, último ano antes da pandemia.
“O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas máis complicadas. E faino acadando un rexistro histórico que permite superar por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns”, sinalou Guldrís, quen puxo en valor que este récord se acada grazas á importante contribución das catro provincias galegas.
Neste sentido, o director do Igape expuxo que todas as provincias melloran os seus rexistros elevando o teito das exportacións da Comunidade. Así, na Coruña, as vendas ao exterior acadaron os 11.457,4 millóns no 2021, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior; na provincia de Pontevedra, medraron un 11,2%, ata os 12.072 millóns; en Ourense, incrementáronse un 32,1%, superando a barreira dos mil millóns (1.016,4M€); e no caso da provincia de Lugo creceron un 23,6%, ata os 723,2 millóns.
Neste contexto, Guldrís detallou os sectores con máis peso nas exportacións galegas, entre os que resaltou o papel do téxtil, cun “crecemento significativo” ao acumular 5702 millóns, o que supón un 30,3% máis que con respecto ao 2020; a automoción, que amosa unha cifra acumulada no conxunto do ano de máis de 7041 millóns (+4,6%); a industria do metal, que supera os 1865 millóns (+52,8%), e o sector agroalimentario, con preto de 3.527 millóns e unha suba de case o 14% en relación ao 2020.
Unhas industrias ás que engadiu o bo comportamento do naval, cun incremento interanual do 66,8% que lle permite superar os 583 millóns, e o aeroespacial, un sector emerxente que medra un 83,2%, situándose por riba dos 18 millóns.
Guldrís detallou tamén o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano, que acadou un novo récord situándose en 9360, un 31,5% máis que no 2020. En canto ás exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, medraron en 44 empresas e acadaron as 2563.
A MELLOR BALANZA
COMERCIAL
Neste marco, o director do Igape destacou tamén que o incremento das exportacións permite a Galicia “contar coa mellor balanza comercial de España en termos absolutos”, cun saldo positivo de 5154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio. Unha situación que contrasta co conxunto estatal, que continúa en números vermellos (-26.177,9M€), case duplicando o déficit con respecto ao ano anterior.
“Con este fito, Galicia aséntase como un referente, supoñendo o 8% do total das exportacións estatais, e liderando, xunto ao País Vasco, as comunidades autónomas que claramente marcan o ritmo no norte de España”, expuxo Guldrís.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Chantada acolleu a estrea de A rosa incandescente

Seguinte Nova

Homenaxeouse á militancia nacionalista histórica no Sur de Lugo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss