• O congreso do PSdeG de Lugo, pon fin a un tempo de cambios e incertezas despois das primarias galegas que auparon a Valentín González Formoso
José Tomé Roca foi proclamado Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo no IV Congreso Provincial socialista que se celebrou no hotel Torre de Núñez baixo o lema Lugo Avanza. Tomé Roca asegurou que deste congreso “os socialistas saímos unidos e máis fortes para darlle un novo impulso ó Partido Socialista na provincia, para seguir medrando, para seguir ampliando a representación institucional e para seguir mellorando a nosa provincia e a vida dos nosos veciños e veciñas. A provincia necesita máis Partido Socialista”.
Dende o que Tomé considera un “bo punto de partida”, pois o PSdeG goberna a día de hoxe para o 65% da poboación lucense, con 27 gobernos, catro cogobernos, e a Deputación de Lugo, o Secretario Provincial situou como obxectivos “consolidar as alcaldías que temos, conseguir outras novas nas que temos clarísimas opcións, manter a Deputación e, con toda esa forza municipalista, axudar a renovar o Goberno de España e a recuperar o Goberno da Xunta de Galicia, que tanta falta lle fai a este país”.
Para continuar avanzando, Tomé Roca establecerá no plano orgánico unha serie de medidas, que lle foi trasladando a militancia nos encontros Camiñamos Xuntos que mantivo nas últimas semanas por toda a provincia. “Iso é moi bo, porque así é máis fácil remar todos e todas na mesma dirección”, afirmou o Secretario Xeral, explicando que, “para empezar, concordamos na unidade, en que queremos un partido unido porque iso é forza. E, neste sentido, creo que empezamos ben porque, gracias ao diálogo e ao acordo, houbo unha única candidatura á dirección do partido na provincia, e o compañeiro Xosé María Arias integrouse nesta candidatura que hoxe sae ratificada neste Congreso”.
José Tomé agradeceu a Arias que puxese “por riba de todo, a vontade de acordo e de integración, máis alá das lexítimas aspiracións persoais a optar a un cargo que calquera compañeiro ou compañeira pode ter”.
O novo Secretario Xeral fixou catro liñas de traballo: máis bases, máis cercanía e participación, máis apoio as agrupacións e máis coordinación nas mensaxes. Por outra banda as súas liñas de acción política xirarán arredor da defensa do rural, a defensa do estado do benestar, o traballo pola mocidade e a igualdade, o impulso dos sectores produtivos estratéxicos, a elaboración dun Plan Industrial, a aposta pola mobilidade, a innovación e a transformación dixital.
José Tomé expresou o seu “orgullo enorme por asumir este reto d representa a Secretaría Xeral do PSdeG en Lugo.•