• O Concello fixo os trámites ante a Deputación de Lugo para solicitarlle a cesión en propiedade das parcelas que posúe no Polígono do Reboredo, cunha superficie de 111.000,00 m2, adquiridos en 2011 pola Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A.

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, anunciou en rolda de prensa a petición que o Concello monfortino tramitou ante a Deputación de Lugo para solicitarlle a cesión en propiedade das parcelas que o ente provincial posúe no Polígono do Reboredo, co obxectivo, según sinalou o alcalde José Tomé, de “dar resposta ás necesidades de suelo industrial que actualmente as empresas nos están demandando no Polígono do Reboredo”.
En concreto, aclarou o Alcalde, “á entrada do Polígono, na súa marxe esquerda, a Deputación de Lugo conta cunha superficie aproximada de 111.000,00 m2, adquiridos pola Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (SUPLUSA), en cumprimento do Acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial , de data de 29 de abril de 2011, que se distribúen en 15 parcelas”.
A estas 15 parcelas hai que engadir tres ou catro parcelas privadas e unha que é propiedade do Concello, sen esquecer as 3 que ten dispoñibles Suelo Empresarial del Atlántico, así como as parcelas que resultarán logo do proceso de revocación anunciado polo Alcalde a pasada semana, e que superan os 14.000 m2 (incluíndo aquí as 11 parcelas revocadas e dúas de titularidade municipal. A decisión de solicitarlle á Deputación Provincial de Lugo estas parcelas da súa titularidade foi acordada por unanimidade na Xunta de Goberno Local de Monforte, celebrada o pasado luns 7 de febreiro.
“Esta petición, que xa procedemos a cursar dende a Secretaría deste Concello, suporá que poidamos acometer a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, sendo as novas parcelas industriais propiedade do Concello cando rematen os trámites administrativos” subliñou o rexedor monfortino.
A solicitude cursada dende o Concello solicita ó ente provincial a cesión en propiedade de ditas parcelas, co obxectivo de destinalas a usos industriais.
“Polo tanto”, indicou o Alcalde, “as parcelas que solicitamos á Deputación Provincial, van permitir ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización económica da comarca.
APROBACIÓN E
RECALIFICACIÓN DAS PARCELAS
Unha vez levada a cabo a solicitude dende o Concello, esta ten que ser aprobada polo Pleno da Deputación, para posteriormente iniciar un proceso de recalificación como industriais dunhas parcelas, que actualmente están catalogadas como rústicas, o que fará necesario elaborar un Plan Parcial que, terá que conseguir a aprobación da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Polo tanto, ainda son moitos os trámites pendentes e o prazo para a súa consecución.
O FIASCO DE PACADAR
Con todo estamos ante unha boa noticia, pois estas xestións abren a posibilidade de facer algo cuns terreos que levaban máis de dez anos no limbo, desde que a Deputación, entón presidida por Besteiro, levara a cabo a súa compra, coa intención de facilitar a implantación de Pacadar, do grupo Villar Mir no Concello de Monforte, feito que entón se presentou como unha exitosa xestión que desgraciadamente quedouse en nada. A intención do Concello, e do seu alcalde José Tomé, e non repetir erros, e tan pronto como se lles habilite o uso industrial, o Concello licitará a súa venta ós empresarios interesados en adquirilos, a través dun concurso público, no que según o alcalde “incluiremos a condición de que os proxectos para os que se soliciten eses terreos terán que levarse a cabo nun tempo prudencial, que concretaremos no seu momento”.
A URBANIZACIÓN XA ESTÁ FEITA
A ventaxa é que os traballos dee urbanización xa están feitos, porque todos os terreos lindan con vías públicas, dotadas de servizos. Recorda Tomé que “no pasado ano 2021, dotamos a este polígono dunha nova calle, de aproximadamente medio quilómetro e cunha anchura de 16,50 metros, dotada de beirarrúas, saneamento, abastecemento e iluminación, un vial que xa está rematado e que, sen dúbida, contribuirá a cubrir as necesidades comunicativas das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, e favorecerá o desenvolvemento e a ampliación deste polígono a novas
empresas”. •