Os veciños de Chantada alarmados polas cartas recibidas do Catastro

• O Catastro leva enviadas no termo municipal de Chantada máis de 4.600 cartas para a actualización dos valores catastrais, e segundo o BNG, hai outras 4.000 agardando en Correos para ser remitidas

As cartas enviadas polo catastro a veciños de Chantada están a xerar dúbidas e desconfianza entre os veciños.
Foto EnComún.

Nas últimas semanas, os veciños de Chantada víronse sorprendidos polo aluvión de cartas recibidas do Catastro, ata 4600 segundo estimacións de Por Chantada.CUP, dándolles un prazo de quince días para remitir a información solicitada. Todo parece indicar que se está levando a cabo un proceso de actualización catastral, tanto para recoller aqueles terreos ou inmobles que por algunha razón non figuraban inscritos ata o de agora no Catastro, como para modificar as medicións ou valores dalgunhas das propiedades xa rexistradas, proceso que está a afectar fundamentalmente ao ámbito rural do territorio, onde as coñecidas como zonas brancas, é dicir, sen inventariar son máis abundantes.
Ante esta situación, os veciños deron a voz de alarma, solicitando axudas e explicacións. Por Chantada-CUP fíxose eco destas queixas, e reclamou ao Concello para que puxera os medios de asesoramiento legal precisos para toda a veciñanza que o precisara, algo que segundo Por Chantada-CUP non se está a facer. Esta formación desminte ao alcalde de Chantada, que públicamente declarou que o asesoramente xa se estaba a facer dende o Concello, e sinala que o único que se fixo foi traer un empregado da empresa responsáble de levar a cabo o traballo de actualización catastral para atender ás persoas afectadas, mais non axudan a facer alegacións, polo que considera Por Chantada-CUP que non resolve o problema nen responde ao asesoramento legal demandado polos veciños. Esta candidatura de unidade popular Por Chantada, ten a disposición de todos os afectados na súa web tres modelos para facer alegacións ante o Catastro. Están pensados para os casos de unha adega, un establo e outras construcións.

O BNG PREGUNTA NO CONGRESO DOS DEPUTADOS
O BNG tamén está a tomar medidas ante a situación plantexada. Sinala o BNG que nas cartas do Catastro que están a chegar a titulares do concello de Chantada, pídeselles a “subsanación de discrepancias” relativas á información coa que conta a Dirección Xeral do Catastro. A casuística recollida nas misivas é moi variada, pero en todos os casos aos que tiveron acceso, hai un incremento do valor catastral. Ao BNG cónstalle que, ademais das xa enviadas, ao redor de 4000 cartas máis están pendentes de envío en Correos.
Ante esta situación, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou as seguintes preguntas ao Goberno do Estado:

  • Que procesos de natureza catastral se están a desenvolver no municipio de Chantada por parte da Dirección Xeral do Catastro?
  • A instancia de quen se promoven estes procedementos de “variación de valores catastrais”? Iniciáronse de oficio pola propia Dirección Xeral do Catastro ou a súa incoación débese a unha petición dalgunha outra administración ou organismo público?
  • Cal é o número total de procesos abertos polo Catastro no concello de Chantada e que tipo de expedientes se están a desenvolver? A que responden?
  • Como é posíbel que a ponencia de valores date do ano 1988, segundo consta nalgunhas das cartas recibidas así como na propia páxina web do catastro, cando existe a obriga de renovala como máximo cada dez anos tal e como recolle o Real Decreto Legislativo 1/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario?
  • Por que cando aparentemente non se renova a ponencia de valores, se inicia unha subsanación de discrepancias masiva a un concello onde se teñen desenvolvido diferentes procesos catastrais nos últimos dez anos?

PREGUNTAS SEN RESPOSTAS
Estas preguntas que fai o BNG, non teñen polo de agora resposta. O medo en Chantada a un novo Catastrazo, como se coñeceu o actualización catastral levada a cabo polo ministro Montoro no 2008 en plena crise económica, crece cada día. Naquel 2008, a recadación anual do IBI urbano en Chantada elevouse en máis de 600.000 €.
Agora, de novo inmersos nunha crise económica, parece que lle tocará ao medio rural cargar co máis que probable, novo incremento dos impostos..•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Beatriz Busto presentou na Pobra o seu libro sobre as pioneiras Pandereteiras de Mens

Seguinte Nova

Solidariedade de todo o Sur de Lugo co pobo ucraíno

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: