A XLII Feira do Viño de Amandi presenta o seu Cartel

• O Concello de Sober tamén preparou un ambicioso programa de actividades previas á Feira: O Mes do Amandi

Presentación do cartel na Fervenza de Portizó. Foto GPCS.

O Concello de Sober vén de dar a coñecer o cartel anunciador da XLII Feira do Viño de Amandi, obra da moza ourensá de 15 anos Rocío Rodicio. Fíxoo na fervenza de Portizó, recentemente acondicionada polo Goberno local coa axuda da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.
A gañadora, recibiu un premio de 600 euros. Sorprende a súa xuventude, aínda que a moza conta xa con outras distincións, como ser a gañadora de 3 edicións do Concurso de Debuxo e Redacción Jóvenes y Mayores do Xornal La Región, gañadora do Concurso internacional Leonardo 4 Children 2021, do Concurso do Cartel 25N do Concello de Pereiro de Aguiar, do X Premio Nacional Avelina Lamas e coa mención de honra do Concurso VIII centenario Catedral de Burgos.
Rocío Rodicio explicou que o seu deseño recolle a esencia da Feira do Viño de Amandi, no que se pode ver representado o Río Sil, as uvas e a figura do viticultor. Considera a distinción “unha gran oportunidade” e asegura estar moi orgullosa co premio e co traballo, unha acuarela con lapis de cores.

MES DO AMANDI
Co fallo do concurso de carteis o Goberno local puxo en marcha o ‘Mes do Amandi’, nome co que se recolle un conxunto de actividades previas á celebración da Feira do Viño. O calendario do resto de actividades previstas neste ‘Mes do Amandi’ é o seguinte:

  • Venres 18 de marzo, Ás 17:30 horas. Os participantes nas Merendas con Contos, visitan a Fervenza de Portizó.
  • Luns 21 de marzo, no CEIP Virxe do Carme conmemoración do Día Internacional da Poesía con recitado de Poemas ao Viño de Florencio Delgado Guirriarán, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022.
  • Xoves 24 de marzo de 12:30 a 14:30 horas na Escola de Hostalería de Rosende Xornada de Maridaxe: Viño de Amandi con produtos de CRAEGA.
  • Venres 25 de marzo ás 19:00 horas en Tapería Tear de Cadeiras presentación da nova edición da Guía da Ribeira Sacra de Manuel Garrido.
  • Sábado 26 de marzo ás 19:00 horas no Centro Sociocultural Concerto Solidario cos refuxiados ucraínos.
  • Venres 1 de abril ás 19:00 horas no Centro Sociocultural, charla ‘A cultura do viño e a viticultura heroica’, por Xabier Castro, autor do libro ‘A rosa do viño. A cultura do viño en Galicia’.
  • Venres 1 de abril ás 20:00 horas no Centro Sociocultural presentación da exposición de pintura de Gelín Fernández.
  • Mércores 6 de abril, de 10:00 a 14:00 horas no Centro Sociocultural de Sober 2º Concurso de sumiliers.
  • Xoves 7 de abril ás 19:00 horas no Centro Sociocultural, concerto de guitarra e frauta traveseira a cargo de Josué Castro e Magda Sánchez.

DATAS HABITUAIS
A Feira recupera este ano non só o seu tradicional formato, senón que se celebrará os días 9 e 10 de abril, volvendo ás súas datas habituais de sábado e domingo de Ramos.

PREGOEIRO DE CINE
Esta edición da feira será dedicada o Concello de Bóveda continuando así cunha homenaxe especial que se fai cada ano a un Concello da comarca.
Tal e como xa avanzara o rexedor, Luis Fernández Guitián, este ano o pregoeiro da XVII Feira do Viño de Amandi será o actor Chechu Salgado, nacido na localidade e gañador do Premio Goya deste ano como mellor actor revelación polo seu papel no filme ‘As leis da fronteira’.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Bóveda, concello homenaxeado na Feira do Viño de Amandi

Seguinte Nova

Quiroga amosa a súa solidariedade co pobo ucraíno e pide o cese da guerra

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

A %d blogueros les gusta esto: