• “Programa Tu Empleo” contará coa financiación da Fundación “la Caixa”, despois de ser un dos seis programas escollidos en Galicia pola súa elevada calidade técnica
A Fundación “la Caixa” escolleu en Galicia 6 programas de Inserción Sociolaboral aos que dará financiación ata o 30/11 do 2022. Un deles é “Programa Tu Empleo”, presentado pola asociación, Albores Saúde Mental. Foi elixido pola súa elevada calidade técnica, destacable por estar ao mesmo nivel que os proxectos de organizacións con implantación territorial moito máis ampla e, en consecuencia, estruturas organizativas máis grandes.
O programa xa está en marcha e o prazo para participar no mesmo estará aberto ata esgotar as prazas. As persoas interesadas en participar poden dirixirse ao teléfono 982.404.968. Os requisitos para participar son os seguintes: Estar en situación de desemprego ou de mellora de emprego, ter diagnosticado calquera tipo de trastorno mental (depresión, ansiedade, esquizofrenia…) e residir nalgunha das localidades seguintes: Bóveda, Carballedo, Chantada, O Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, Quiroga, Monforte, Sober ou O Saviñao.
Perséguese lograr a integración sociolaboral das persoas con enfermidade mental, promovendo alternativas de emprego entre as empresas e fomentando territorios socialmente responsables.
Actividades que engloba:
- Acollida, apoio na definición, xestión e seguimento dos Plans de Traballo Individuais, facendo un acompañamento individualizado durante todo o proceso.
- Formación e capacitación en competencias transversais e en competencias específicas relacionadas coa busca e mantemento do emprego
- Información ao empresariado sobre subvencións e bonificacións, así como captación e intermediación de ofertas.
- Apoio e acompañamento tanto na incorporación e adaptación ao posto de traballo como nos cursos de formación en outras entidades, cando sexa necesario.
- Actividades de contacto e colaboración con entidades políticas, sociais e administrativas, promovendo convenios de colaboración que redunden no incremento das oportunidades de emprego do colectivo.
O equipo está integrado por unha Directora do programa e Psicóloga Sanitaria, Máster en Orientación Educativa, unha Traballadora Social Experta en Saúde Mental e Inserción Laboral de persoas con enfermidade mental e unha Psicóloga Especialista en Psicoloxía Clínica (PIR) con ampla experiencia en xestión formativa e inserción laboral.•