• Despois da Feira de Oportunidades do CCU, chega o Mercado para a Feira Medieval
Dous anos despois o Concello de Monforte recuperou o uso das instalacións da Praza de Abastos para os Mercados Temáticos. E fíxoo precisamente coa Feira de Oportunidades do CCU, que foi o último mercado realizado antes da pandemia en marzo de 2020.
O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “serán os primeiros mercados que acolla a Praza de Abastos, despois de dous anos sen actividade neste espazo, por mor da pandemia da Covid-19, polo que dende o Equipo de Goberno volvemos a promover e celebrar actividades comerciais neste espazo dinámico e próximo ós cidadáns”. Considera o Alcalde que “a gran afluencia de público das edicións anteriores, avalan a realización deste tipo de mercados de apoio ó comercio local e tamén serven de estímulo para que os clientes realicen as compras na súa localidade, e adquiran conciencia da importancia económica e social de mercar nas tendas de proximidade”.
MERCADO DA FEIRA MEDIEVAL DE MONFORTE
O seguinte será o Mercado para a Feira Medieval de Monforte, que se celebrará a fin de semana seguinte, o sábado 26 e o domingo 27 de marzo, pensando xa nos preparativos e promoción da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte de Lemos. “O noso obxectivo, neste caso, é o de potenciar e promocionar, con este mercado, a Feira Medieval, que se constitúe coma un evento turístico de gran afluencia de público e visitantes, que na Semana Santa se achegan a Monforte”, sinala José Tomé. Sinala o Alcalde, que “pretendemos facilitar ós monfortinos e monfortinas, visitantes, comercios e hostalería, que teñan un escaparate de referencia, tanto para a decoración de establecementos, balcóns, fachadas, como propostas de traxes medievais, calzado, peiteados ou complementos”.•