• É o primeiro poemario publicado de Noa Moreira
Segue o Ateneo Casino de Monforte cumprindo cun dos seus cometidos incluídos no seu Regulamento de 1960 «aspiramos a que o labor de distracción e esparexemento que incumbe ao Casino, se conxugue con aspectos culturais da maior importancia… aberto sempre a canto signifique alentos artísticos e culturais». Ese é o espíritu recuperado pola asociación cultural “Casino Ateneo”, volver ser un espazo aberto e dinámico, no que teñen cabida todo tipo de actividades culturais, de reflexión e de debate. Entre elas está a poesía, e para reivindicala, nada mellor que acercarnos a unha das novas voces da nosa comarca. A de Noa Moreiras, ao seu primeiro traballo publicado, unha colección de poemas baixo o título Meteoro Imantado. A autora naceu Salcedo, na Pobra do Brollón (que pacto terán os guímaros coas musas?), entende a poesía como unha forma de ler o mundo. Os seus editores de Urutau a califican como un cravo muller que atravesa coa palabra os segredos da súa tribo. Unha poetisa libre que escribe polas noites coa vela da súa mente que podería alumear toda a serra. Escribe porque é poeta pero cando non escribe tamén o é. Lendo os seus versos un pode sentir a unha muller do interior, que viviu o mar abrirse coa pel morena ate inundar a aldea enteira. Meteoro Imantado é un libro moi ben editado por Urutau, e prologado por Olga Novo, quen sinala que entra neste libro coma quen atravesa un cuarto propio, íntimo, un faiado que se abre por vez primeira, ateigado de soños
delicadísimos, a piques de se esfarelar ao contacto do ar. Unha inmensa delicadeza que agocha unha forza cósmica, e unha forza cósmica que agocha unha inmensa fraxilidade. Perfecto espello da natureza humana, complexa, poliédrica, sutil e bárbara a un tempo.•