O Espazo Xove de Chantada acolle a exposición Imaxina Palestina

O Espazo Xove de Chantada mostra ata o 31 de marzo a exposición fotográfica Imaxina Palestina de Moncho Iglesias. Esta exposición consta de 48 fotos da vida diaria en Palestina, durante a estancia do autor alí . Pretende achegarnos á historia de Palestina, a un lugar con lingua, costumes e relixión diferente, e tamén a aprender a observar Palestina con outra mirada.
Moncho Iglesias Míguez (Galicia, 1974) exerceu como profesor en diferentes países como Bangladesh, China, México, India, Djibuti ou Palestina. Neses lugares fotografou e tamén expuxo, amais de conseguir gañar certames como o premio especial do xurado no maratón de Palestina, en 2013, ou o primeiro premio no Festival do té de Madrid en 2019. Amais, as súas fotografías acompañan os textos dos artigos que publica na prensa galega actual, en diarios como Praza e en revistas como Tempos Novos, ou nas extintas Vieiros, A Nosa Terra e Galicia Hoxe.
Tamén é poeta, escritor e colaborador de prensa. Os seus versos pódense ler en revistas como Dorna e en libros como Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, pedras de Plastilina, Tren ou Cheira. Ten publicadas as novelas Tres cores: azul e Don Pepe (finalista do premio de novela Do Peirao en 2017), e o ensaio Os contos de animais na tradición oral palestina. Amais, como tradutor verteu para o galego os relatos de O condutor de autobús que quería ser Deus e Saudades de Kissinger, de Etgar Keret, do hebreo, e Un mapa do lar, dende o inglés, de Randa Jarrar, e cotraduciu a poesía de Mahmud Darwix na edición bilingüe árabe-galego Carné de identidade.
Na prensa, colaborou na Radio Galega como correspondente. Así mesmo, grazas ás súas colaboracións na prensa escrita obtivo o xv premio Johán Carballeira de xornalismo por un artigo con imaxes de Corea do Norte: «Corea do Norte: a vida dese outro lado».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Outra nova sentenza a favor do Concello monfortino

Seguinte Nova

Albores Saúde Mental pon en marcha un programa de inserción sociolaboral

A %d blogueros les gusta esto: