Solidariedade de todo o Sur de Lugo co pobo ucraíno

• Xorden numerosas iniciativas de todo tipo para recoller e enviar axudas aos ucraínos que foxen do horror da guerra

Aínda que as manobras rusas na fronteira ucraína nas últimas semanas facían temer o peor, realmente parecía inconcibible que en pleno século XXI puidésemos chegar a ver cos nosos ollos unha nova guerra en Europa. Pero os peores temores cumpríronse, e en só uns días un país como Ucraína, a pouco máis de 2000 km en liña recta da fronteira española, cun tipo de vida moi similar ao que levamos no resto de Europa, vía como toda a súa civilización esborrallábase, como arrastrada por un tsunami bélico que leva o nome de Putin e a bandeira de Rusia. Aínda que realmente é a bandeira do despropósito humano a que se ondea, dá igual quen o faga e baixo que pretexto ou ideoloxía. Así levamos facéndoo centos de anos, desde que o home é home. Xorde inmediatamente a pregunta, por que non iamos facelo agora; é que nos cremos mellores? Pero é unha dobre pregunta trampa. Por unha banda, porque xa o estabamos facendo, xa está a haber guerras nestes momentos, diante dos nosos ollos, só que decidimos apartar a mirada, porque os escenarios non están en Europa. É que non somos conscientes das matanzas en Iemen, en Siria, en Etiopía, Palestina ou Afganistán, por só citar algunhas das máis coñecidas. Xa nos estamos matando,

só que non queremos velo. Eles non somos nós, os europeos, os occidentais, a nós non pode pasarnos, adóitase argumentar ao amparo da nosa suposta civilización. Pero esquecémonos moi pronto da nosa historia máis recente. É en Europa onde se desenvolveron as dúas guerras mundiais, en contextos xeopolíticos moi similares aos que agora estamos a vivir. E a Guerra Civil española. E a máis recente en Iugoslavia. Os europeos somos tamén expertos en matarnos uns a outros. Por iso dá máis medo esta situación en Ucraína. Porque máis aló de bos e malos, realmente o que hai en toda guerra son vítimas, morte e destrución.
Quizá non debésemos esquecelo nunca, á vista de certas soflamas guerreiras que tanto entusiasman a algúns dos nosos líderes políticos. En todo caso son meras reflexións dun veterano editor sobre unha realidade que se empeña en torpedear a nosa liña de flotación. As guerras unha vez empezadas, nunca se saben como ni cando rematarán. E mentres, os ucraínos ven como, da noite para a mañá, pérdeno todo. O seu mundo desmorónase ante os seus ollos, e só poden fuxir ou loitar. Nos decidimos axudalos e acollelos na súa fuxida, e parece ser que tamén a que teñan armas para seguir resistindo as arremetidas rusas.
Na nosa comarca, a case 3000 km, alentados pola ruidosa información que nos chega da fronte, axexa o medo, pálpase en cada conversación. Pero tamén a empatía e solidariedade cos ucraínos, cos que xa perderon nesta guerra. E por todos lados xorden iniciativas para axudar. Aínda que ás veces non se sabe como facelo. Están os clásicos minutos de silencio institucionais, as ofertas para acoller a refuxiados nos diferentes concellos, as mensaxes nos eventos deportivos e culturais, as recollidas de alimentos, as bandeiras azuis e amarelas. E tamén posturas activas como as de Miguel Garrido e Mayte Pérez, que non dubidaron en cruzar Europa en autocaravana para achegarse á fronteira entre Polonia e Ucraína e levar persoalmente os materiais recolleitos en Quiroga por un grupo de voluntarios, e ademais traerse con eles a sete seres humanos que se viron obrigados a abandonar o seu mundo para non perder a súa vida. Ou a de Pilar Sánchez que enviou un dos autobuses da súa empresa cargado ata os topes con medicinas, comida e todo tipo de axuda á fronteira ucraína e que agora está de regreso cos restos do naufraxio de varias familias, que non saben que será das súas vidas cando cheguen a Monforte. E os condutores do autobús.
Sempre resulta gratificante atopar estas historias en tempo de dor.
Solidariedade e empatía. Palabras que non debésemos esquecer nunca. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os veciños de Chantada alarmados polas cartas recibidas do Catastro

Seguinte Nova

O Ateneo Casino acolleu a presentación de Meteoro Imantado

Últimas noticias sobre PORTADA

Día da Transrománica

• A Deputación organiza en maio 16 rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia con 400

A %d blogueros les gusta esto: