Volven con forza os rumores sobre a posible fusión dos institutos de Chantada

• Os socialistas galegos levan o tema ao Parlamento e denuncian que o “escurantismo” da Xunta está a provocar malestar na comunidade educativa

Imaxe do IES Lama das Quendas de Chantada
Foto ENCOMÚN.

A cuestión vén de lonxe, pois fai xa varios anos que se leva falando da posibilidade de fusión dos institutos Val do Asma e Lamas das Quendas de Chantada. Pero o que ata agora parecía ser mera rumoroloxía, volve agora a cobrar actualidade despois das declaracións feitas polo equipo directivo do Val do Asma, ao que hai que añadir as amortizacións de prazas de profesorado producidas recentemente, coa perda dos profesores nas especialidades de grego e filosofía. Parece ser que a intención da Consellería de Educación é que o Val do Asma deixe de impartir ESO e Bacharelato, o que suporía o traslado do alumnado ao IES Lama das Quendas, impartindo soamente ciclos de Formación Profesional.

Noelia Otero, portavoz socialista no Parlamento Galego.
Foto GPPSdeG.

INCERTEZA
Esta situación está a causar alarma na comunidade educativa do centro. O tema chegou incluso ao Parlamento Galego, da man da voceira de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, que vén de denunciar o “escurantismo” da Xunta sobre a fusión do IES Val do Asma e do IES Lama das Quendas, en Chantada, que afecta a 128 alumnos e alumnas do municipio. Fíxoo, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia neste sentido.
“A posible decisión da Consellería de Educación de precipitar de xeito inminente o traslado do alumnado do Val do Asma ao Lama das Quendas está provocando un enorme malestar e incerteza dentro da comunidade educativa, nas nais e pais e tamén no propio alumnado”, denunciou a dirixente socialista. “Aumentar e potenciar a oferta de FP no rural e no IES Val do Asma non debe de producirse en detrimento dun recorte da existente en Bacharel e na ESO”, subliñou Otero, polo que, “tal e como veñen demandando dende hai tempo dende a comunidade educativa, cómpre traballar con máis sensibilidade neste tipo de institutos situados en zonas rurais para evitar que a falla de servizos públicos siga abocando aos mozos e mozas a marcharse a localidades máis grandes”. Ademais, a socialista cualificou como “precipitado” levar a cabo este proxecto de reconversión educativa “en pleno proceso de admisión dos centros escolares”, tendo en conta que a Consellería de Educación “debería realizar traballos de ampliación e accesibilidade no Lama das Quendas”, en caso de querer acoller a máis alumnado. Ante a falla de información oficial arredor dos plans que manexa a Consellería, a dirixente socialista instou ao goberno galego a “non executar” o traslado o vindeiro curso 2022/2023 do alumnado da ESO e Bacharelato do IES Val do Asma ao IES Lama das Quendas, así como a establecer un “diálogo permanente” coa comunidade educativa de ambos centros “para planificar e acordar calquera decisión que afecte á oferta educativa” no concello.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón, capital do enduro, cunha proba da Liga Galega de Moto de Campo

Seguinte Nova

8M DÍA DA MULLER: Un día para celebrar o logrado e lembrar que aínda é longo o camiño por percorrer

Últimas noticias sobre EDUCACION

A %d blogueros les gusta esto: