25 millóns de euros de inxección na sociedade e economía da provincia

• O 70% dos recursos destínanse a 560 obras e subministracións, a mellorar e acondicionar estradas, pistas e camiños, accesos a núcleos de poboación e pavimentación de vías públicas

O Presidente da Deputación asistindo a un Pleno. Foto Arquivo.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que o Goberno elevará a un Pleno extraordinario, que se celebrará o vindeiro martes 5 de abril, o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2022, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.
As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 14,6M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 560 obras e subministracións- seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€, cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da pandemia.
José Tomé destacou que cada ano “melloramos” as condicións do Plan Único “para que sexa máis útil” ás administración locais. Neste senso, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios. Desta forma, os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2023 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano. Do importe total do Plan Único, preto de 15M€ vanse destinar a investimentos. En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,5M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de arredor de 300 postos de traballo tan diversos, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestal ou conserxes, entre outros.
En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Recibirán máis de 3,2M€, cos que poderán atender a máis de 3.000 veciños.•

O PP critica que destinen preto de 4 millóns de euros a convenios con «concellos afíns»

• O Grupo Provincial Popular considera que eses 4 millóns de euros se poderían engadir ao Plan Único e repartilos de forma obxectiva entre a totalidade dos concellos da provincia

O Grupo Provincial Popular vén de criticar ao grupo de goberno da Deputación de Lugo a existencia “desa partida de gastos que fan todos os anos en convenios de Presidencia para inversións en concellos gobernados por persoas afíns ao goberno provincial e que suman preto de 4 millóns de euros que se poderían engadir ao Plan Único e repartilos de forma obxectivo entre a totalidade dos concellos, os 67 da provincia”. Así o explicou o voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, despois de criticar as “desculpas patéticas” da señora García Porto á petición do PP para aumentar a contía do Plan Único de Cooperación cos Concellos para este ano co obxectivo de paliar os efectos da desbordante inflación que está a padecer o noso país. “Se non sabe que diñeiro dirixir a este fin, demostra a pouca calidade de gobernante que ten a señora García Porto e a pouca experiencia na xestión local”, apunta. Castiñeira insta ao goberno da Deputación a “deixar de buscar escusas” e poñerse a “gobernar e buscar alternativas. Non lle bote a culpa ao Grupo Popular cando é o que precisamente está ofrecendo respostas a esta situación de alta inflación creada polo Goberno que preside Sánchez, compañeiro socialista de García Porto e Tomé”. O voceiro popular engade que “se non queren facerlle caso ao Partido Popular, poden facerlle caso ao anterior presidente do organismo provincial”, xa que “cando gobernaba o señor Darío Campos e necesitaba o apoio do Grupo Popular, fixo innumerables xestións para intentar buscar un plan de estradas ou dar cabida ao Plan Único”. Os populares condenan que a de Lugo sexa “a Deputación do non” e sinala que “se houbera vontade, poderíase habilitar financiamento” porque “querer é poder”. Así o demostrou a Deputación da Coruña que preside o compañeiro de Tomé, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que anunciou unha liña de axudas aos sectores afectados pola suba do gasoil tras manter unha reunión cos colectivos, “o mesmo que lle solicitamos dende o Grupo Provincial Popular ao señor Tomé en días pasados: convocar aos representantes do tecido económico da provincia para analizar a situación xerada polo suba dos prezos da enerxía e deseñar medidas de apoio”.
Castiñeira pídelle a Tomé que “tome nota doutros presidentes” como é o caso do seu compañeiro socialista que amosou o seu compromiso cos sectores produtivos da súa provincia afectados pola suba dos prezos. A este respecto, o voceiro popular lembrou que “o Goberno galego xa anunciou un plan de choque con medidas para atallar as consecuencias da alza de prezos e achegar liquidez ás empresas no ámbito das súas competencias».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Asociación de Veciños de Parteme

Seguinte Nova

Teatro e pintura en Bóveda

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: