• Mánteranse ata finais de ano os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo
Un ano máis xa está aberta unha das principais atraccións turísticas da Ribeira Sacra, os roteiros en catamarán organizadas pola Deputación de Lugo. Este servizo mantén os habituais percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, en Chantada. Proba do éxito desta proposta turística e que a tempada que arranca conta xa en poucos días con máis de 5.100 reservas. O acto inaugural celebrouse o día de San Xosé, e contou coa participación do Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; a Tenente Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e o Concelleiro monfortino de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; a Concelleira de Cultura, Deportes e Turismo da Teixeira, Marisol Borrajo; e o Tenente Alcalde de Sober, Francisco Vázquez. José Tomé destacou que “logo do éxito que supuxo adiantar o comezo da tempada pasada de rutas fluviais e da boa repercusión que tivo para os sectores máis afectados pola pandemia, este ano tamén comezamos antes con este servizo”. O habitual nos últimos anos era empezar as viaxes en catamarán a fin de semana antes da Semana Santa, pero como sinalou o Presidente “estas rutas teñen un impacto especialmente importante para o turismo, a hostalería e o comercio e son un dinamizador da economía e do emprego para a comarca e a provincia”.
O Presidente subliñou que os catamaráns “contribúen de maneira directa a dinamizar a economía da Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo. Polo tanto, temos a convicción de que axudarán na dinamización económica da hostalería, do turismo e do comercio”.
A Deputación ten en marcha unha nova web de reservas para as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. poden formalizar a súa reserva na web https://reservas.rutasembalses.es. •