• Seis ‘influencers’ galegos animarán á mocidade a camiñar a Galicia
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou aos seis influencers que participarán na segunda edición da iniciativa Instagrammers no Camiño, unha campaña da Xunta para a animar á mocidade a través das redes sociais a camiñar a Galicia neste Xacobeo.
A Xunta volve apostar polo talento galego con profesionais con visibilidade nos medios de comunicación pero, sobre todo, con forte presenza nas redes sociais. De feito, os seis participantes suman 3,6 millóns de seguidores. Trátase da actriz Cristina Castaño, os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez e as influencers Natalia Maquieira, Tamara García Romero e Xurxo Carreño que repite a experiencia despois de camiñar o ano pasado xunto a Martiño Rivas, Gala González e Cristina Cerqueiras durante 4 etapas do Camiño Portugués da Costa. Nesta ocasión, os seis participantes realizarán os 100 últimos quilómetros da Vía da Prata desde Ourense en 5 etapas desde o 30 de marzo ata o 3 de abril e compartirán as súas vivencias diarias no Camiño nos seus perfís de Instagram baixo os cancelos #GaliciaDestinoSeguro e #CamiñaAGalicia.
Estes seis talentos galegos no mundo do cine, a televisión, a música, o humor ou as tendencias converteranse en peregrinos e guías para os milleiros de seguidores que cada día están ao tanto dos seus pasos profesionais e as súas recomendacións. Así, serán os mellores embaixadores do Camiño e un apoio moi importante para chegar ás xeracións máis novas que máis empregan as redes sociais como ferramenta para comunicarse.
O vicepresidente lembrou que a iniciativa mantén a súa esencia de transmitir a mensaxe de que Galicia está de moda e que é un destino seguro para desfrutar tanto como turista ou como peregrino da natureza, de espazos abertos e de pouca masificación como demandan na actualidade os visitantes.
Tamén recordou o éxito da iniciativa na edición anterior, posta en marcha de forma pioneira, e que acadou máis de 13 millóns de impactos procedentes dalgunha das publicacións que os participantes foron subindo ás súas redes durante a súa peregrinación.
Esta iniciativa coincide co inicio da tempada alta deste Xacobeo 21-22 e coa proximidade de Semana Santa, polo que supón unha oportunidade para promover que Galicia está a celebrar un Ano Santo Dobre. Con esta acción, a Xunta segue a sumar iniciativas de promoción do destino Galicia, do Camiño a Santiago e do Xacobeo en todos os formatos e para todo tipo de público.
A continuidade de Instagrammers no Camiño únese á campaña Camiña a Galicia con banda sonora de Xoel López, que tamén foi todo un éxito, e ás campañas de promoción previstas a nivel internacional para atraer a turistas e peregrinos de todo o mundo. Ademais, habilitáronse recursos para as redes sociais -gifs e stickers-, así como Cunchiña, a mascota do Xacobeo nas redes sociais.
Alfonso Rueda explicou que precisamente esta intensa labor de promoción contribuíu a que Galicia se convertera o ano pasado nun destino de moda situándose entre as comunidades con maior recuperación da demanda turística e superando en agosto mesmo as cifras prepandemia.•