O domingo día 20 de marzo, derrubouse unha parte da estrada LU-651, entrada principal ao concello de Folgoso do Courel desde Quiroga, deixándoa impracticábel. A única alternativa a esta vía, se non se quere dar un enorme rodeo, é o desvío entre Vidallón e Valdomir, pola Campa, estrada esta cunha anchura apenas apta para o paso dun vehículo utilitario. Este derrube provocou tamén o illamento do Concello por vía telemática, dado que se interromperon as comunicacións por fibra óptica. A deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Aira, acompañada da Responsábel Comarcal Rosana Prieto, visitou a zona do derrube e declarou “unha vez máis, e como xa é habitual, o rural e a montaña lucense vese abandonada ata o perigo para as persoas e o propio territorio, dende logo só o azar puido evitar un drama humano na principal estrada do Courel pola que pasan dende as criaturas para a escola ata os traballadores da propia canteira”. Lembra o BNG qur por baixo do punto kilométrico no que se produciu o derrube, atópase unha mina de lousa, con galerías que pasan por baixo da estrada, e que condiciona a estabilidade do terreo.
Pola súa banda a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordou coa alcaldesa, Dolores Castro, a situación do municipio tras o desprendemento e lle comunicou que realizarán unha declaración de emerxencia para restablecer a circulación entre Folgoso do Courel e Quiroga e garante que acometerá a solución máis rápida e segura coa máxima axilidade posible. Incidiu en que a Xunta non vai a escatimar nin traballo nin recursos, para facer o que faga falta para restablecer o acceso viario a Folgoso do Courel, que, advertiu, vai ser prolongado polo alcance dos danos, podéndose demorar os traballos arredor de 18 meses. •