O PP alerta de que Monforte se desentende das persoas dependentes, coa porcentaxe máis baixa na atención a domicilio

• Ademais, Katy Varela denuncia o “Nulo interese de Tomé por solucionar o problema máis grave de Monforte: o abastecemento de auga e o saneamento”

Imaxe da visita de Katy Varela e Raquel Arias a un dos usuarios do SAF. GPPP.

O Partido Popular alerta de que Monforte é o concello da Zona Sur coa porcentaxe máis baixa na atención a domicilio. Así o denuncian a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e a voceira do Grupo Municipal, Katy Varela. “Os datos son os que dan e quitan razóns e, neste caso, son alarmantes e preocupantes”, advirte Arias, quen, previamente, solicitou por escrito e polos canais legais dita información ao goberno autonómico. E é que no resto de Concellos, é dicir, Pantón, Sober, O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil; a ratio de atención supera o 80%. No caso do da cidade do Cabe esta baixa ao 55%.
Katy Varela agradece o traballo da deputada, pois “queda claro que o alcalde Tomé está máis preocupado de si mesmo que dos que máis o precisan. E iso que dixo que dos 7 días que ten a semana, 4 llos adicaba a Monforte…”, critica a voceira do PP.
Neste senso, Varela lamenta ter que “sacar á luz” este datos que demostran “a mala xestión do goberno socialista, deixando a Monforte en moi mal lugar con respecto ao resto da comarca”. Por iso, pídelle ao rexedor socialista que “se poña a traballar e solucione os problemas reais de Monforte”. “Temos unha poboación envellecida que merece ser atendida e proporcionarlle os medios necesarios para que teñan a mellor calidade de vida posible debe ser unha obriga irrenunciable”, defende.
“Estamos, por tanto, ante unha cuestión de vontade política, xa que non hai ningunha xustificación de por que Monforte ten unha cobertura tan baixa. Se O Saviñao, Sober ou Ribas de Sil si que se preocupan polos seus maiores, por que o Sr. Tomé non fai o mesmo? Francamente ter que revelar esta deixadez e este desentendemento é ata desagradable, pois a calquera alcalde se lle presume que vai mirar polos seus veciños. No caso que nos ocupa, xa vemos que non”, expón a deputada.

O ABASTECEMENTO DE AUGA E O SANEAMENTO
Por outra banda, a voceira do Grupo Municipal do PP, Katy Varela, considera “nulo” o interese de Tomé por solucionar o problema máis grave de Monforte: o abastecemento de auga e o saneamento». Para a popular é “intolerable” que con 7 millóns de euros de aforro nas arcas municipais, ademais dos orzamentos anuais, Tomé non resolva un problema grave e que prexudica aos monfortinos”. Ademais, engade que “os vertidos ao río Cabe no centro da cidade seguen sen solucionarse”. Varela lembra que “para iniciar as obras da zona C si que estivo rápido, tanto que ata as fixo sen o plan de urbanización aprobado de maneira definitiva”. A popular explica que “en xullo do 2019 o Grupo Municipal Popular levou a pleno unha iniciativa para instar ao alcalde a solicitar ao Goberno central fondos Feder que quedaran sen executar para solucionar este problema”. Nese mesmo sentido, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, puxo sobre a mesa do Goberno de Pedro Sánchez un macro proxecto de 10 millóns de euros no que se deberían implicar todas as administracións. Pero nin en Madrid nin en Monforte obtivemos resposta”. “Parece que a Tomé non lle gusta que a Xunta invista en Monforte, pero o peor é que os veciños continúan co mesmo problema porque non hai indicios de darlle solución”, conclúe Varela.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

«A virxe roxa», Premio Mestre Mateo ao mellor Documental, proxectarase en Chantada, Sarria e A Pobra do Brollón

Seguinte Nova

Os seis instagrammers no camiño chegan a Compostela, conseguindo máis de 27 millóns de impactos

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: