A tempada de caza estenderase do 16 de outubro deste ano ao 6 de xaneiro de 2023

• Como consecuencia da decisión do Goberno central de elevar a protección do lobo en todo o país, exclúese a posibilidade de realizar controis poboacionais sobre esta especie fronte a posibles ataques ao sector primario

O período hábil xeral para poder exercer a actividade cinexética en Galicia comezará o vindeiro 16 de outubro e estenderase ata o 6 de xaneiro do próximo ano, durante o que se poderá cazar os xoves, domingos e festivos tanto de carácter estatal como autonómico.
Así se recolle na resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicada hoxe e pola que se determinan as épocas de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2022-2023.
Neste sentido e como consecuencia directa da inclusión do lobo na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), a Xunta tivo que excluír da resolución anual de caza, por primeira vez, a posibilidade de realizar controis poboacionais polos danos que poidan ocasionar estes animais.
Esta é unha das novidades principais da tempada 2022-2023, que se deriva da decisión do Goberno central de elevar a protección do lobo ibérico ao norte do río Douro a través da orde ministerial publicada o pasado 21 de setembro, unha medida á que se opuxo desde o principio a Xunta por carecer de fundamento científico e porque, ademais, deixa aos gandeiros e a xente que vive no rural nunha situación moi delicada.
De feito, desde a inclusión do lobo no Lesrpe, as comunidades lobeiras como Galicia xa non poden adoptar, con carácter xeral, determinadas medidas de control e xestión sobre esta especie nos seus respectivos territorios, xa que os requisitos e condicións esixidos na propia orde para que poidan autorizalas fan que, na práctica, sexa un procedemento inaplicable.

ADESTRAMENTO DE CANS E AVES DE CETRERÍA
Outra das novidades da resolución anual de caza é que se reflicte expresamente que nos tecores e con fins de competición, poderá autorizarse o adestramento de cans e aves de cetraría en calquera época do ano dentro das zonas que teñan aprobadas con este fin.
Así mesmo, incorpórase un novo artigo para establecer que as xornadas hábiles de caza —unha actividade que só se pode practicar no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois do solpor— virán determinadas polas horas oficiais que se publiquen na páxina web de MeteoGalicia https://www.meteogalicia.gal/web/inicio.action. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Ribeira Sacra tivo un 86% de ocupación na Semana Santa

Seguinte Nova

Nova sentenza favorable ao Concello de Monforte, esta vez en relación co concurso do Centro do Viño

Últimas noticias sobre LECER

A %d blogueros les gusta esto: