BNG e PP sacan adiante unha moción na Deputación de Lugo contra o recorte dos servizos de transporte público estatal

• Os deputados provinciais do PSdeG abstivéronse

Mónica Freire, Efrén Castro e Mayte Ferreiro. GPBNG.

Cos votos a favor do BNG e o PP, e a abstención dos deputados socialistas, a Deputación de Lugo aprobou unha declaración a favor de manter os servizos nas liñas de transporte público de concesión estatal que pasan pola provincia.Hai que lembrar que no marco de elaboración da Lei de Mobilidade Sostible, o Ministerio de Mobilidade e Transportes planifica unha actualización do mapa de liñas regulares que implicaría a supresión de 9 das 15 paradas que estes servizos de longa distancia teñen actualmente .

MOCIÓN PRESENTADA POLO BNG
O voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “presentamos esta moción nun momento no que a Lei está en fase de tramitación co obxectivo de fixar desde a Deputación de Lugo unha posición firme en defensa do transporte público, neste caso fas liñas estatais, como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades sociais e territoriais”.
“A información da que dispoñemos apunta á supresión de 9 paradas, a grande maioría nas comarcas da montaña e do sur, afondando na carencia de servizos de transporte público e mesmo de vías de comunicación axeitadas nesta zona”, apuntou Efrén Castro. Tamén reclama que a futura Lei de Mobilidade Sostible explicite claramente a aposta polo transporte público de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación as características do servizo e as súas interconexións. posto que esta é a alternativa máis acaída se queremos apostar por un transporte máis sustentábel desde o punto de vista económico e ecolóxico.

O PP CONSIDERA QUE É UNHA MEDIDA CONTRA OS INTERESES DA PROVINCIA
Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis a provincia de Lugo, e, polo tanto, a gran maioría dos lucenses, son os prexudicados pola nefasta política do goberno socialista de Pedro Sánchez. Dicimos isto polo anteproxecto da Lei de Mobilidade Sostible, que inclúe un novo mapa de concesións de transporte público, que é moi prexudicial para a provincia de Lugo, porque suprime paradas en itinerarios importantes”.
Sinala que estas supresións “prexudicarían a gran número de veciños da nosa provincia desas comarcas e da contorna, que terían dúas opcións, ou ben facer transbordos, o que suporía un claro retroceso, ou desprazarse trinta ou corenta quilómetros cara outras poboacións con máis habitantes”. Os populares consideran que tales previsións “van totalmente en contra dos intereses da provincia de Lugo”. Destacan que “esta lei non ten en conta a mobilidade rural, non atende aos intereses do territorio e unicamente se rexe por criterios económicos, de rendibilidade ou por razóns que benefician ás grandes urbes ou ás zonas metropolitanas”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta destina 26 millóns de Euros a dúas liñas de axudas dirixidas a particulares para a rehabilitación de vivendas

Seguinte Nova

Xornadas de Portas Abertas os dias 6 e 7 de maio no Museo do Ferrocarril de Galicia

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: