Día da Transrománica

• A Deputación organiza en maio 16 rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia con 400 prazas

O Presidente da Deputación José Tomé, xunto á Deputada de Turismo, Pilar García Porto, na contorna da igrexa de Santa María de Toboada dos Freires. Fotos GPDL.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou na contorna da igrexa de Santa María de Toboada dos Freires, no concello taboadés, a segunda edición do programa de actividades gratuítas que a institución provincial porá en marcha con motivo do Día da Transrománica, que se celebra o 9 de maio.

16 RUTAS E 400 PRAZAS DISPOÑIBLES
Este ano amplíase a programación de actividades, que nesta ocasión inclúe 16 rutas polo patrimonio románico da provincia durante cinco xornadas: os días 7, 8, 9, 14 e 15 de maio. Cada itinerario conta cun máximo de 25 prazas, polo que no conxunto do programa ofértanse un total de 400 prazas. Todas as actividades estarán dirixidas por un guía oficial de turismo.
O Presidente subliñou que o ano pasado, “en apenas cinco días esgotáronse as 112 prazas ofertadas e moitas das de reserva”, polo que “decidimos reeditar e ampliar esta iniciativa, que forma parte das actividades que poñemos en marcha dende a Deputación de Lugo tras conseguir no ano 2020 o ingreso na Rede Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa, o que situou ao románico lucense no nivel máis alto de recoñecemento europeo”.

INSCRICIÓNS ABERTAS
As inscricións poderán facerse na web http://inscricions.deputacionlugo.org dende o día 28 de abril, ata dous días antes das actividades ou ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982.260.011 e 982.260.234, ou dirixirse ao correo electrónico romanico@deputacionlugo.org.

PROGRAMACIÓN
A programación é a seguinte:
Sábado, 7 de maio:

  • 10.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa.
  • 11.00 horas. Románico do Lugo rural e Guntín.
  • 16.30 horas. O románico de Chantada.
  • 16.30 horas. O románico nas Terras da Ulloa: Palas de Rei e Monterroso.
    Domingo, 8 de maio:
  • 10.30 horas. Taboada: O románico menos coñecido.
  • 10.30 horas. Pantón: A Ruta do Monacato Feminino.
  • 16.30 horas. O Saviñao: Románico con vistas ao Miño.
    Luns, 9 de maio
  • 11.30 horas. A Catedral de Lugo e a Cidade Medieval.
    Sábado, 14 de maio
  • 10.30 horas. O románico en Sober.
  • 10.30 horas. Monforte na historia.
  • 16.30 horas. O románico no Xeoparque das Montañas do Courel.
  • 16.30 horas. Santa María de Meira.
    Domingo, 15 de maio:
  • 10.30 horas. O Románico na contorna do Miño e o Camiño de Santiago: Portomarín e Paradela.
  • 10.30 horas. San Martiño de Mondoñedo.
  • 16.30 horas. O Románico no Camiño Francés.
  • 17.00 horas. Santa María do Campo e Viveiro histórico.

PROMOCIÓN EUROPEA
A Ruta Transrománica na que ingresou a Deputación de Lugo está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO..

O ROMÁNICO DE LUGO
A provincia é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta con 10 igrexas románicas situadas noutros tantos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O sistema educativo galego aposta polas competencias dixitais como a robótica ou a intelixencia artificial

Seguinte Nova

Monforte presenta a oitava edición do Fancine de Lemos

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: