• Agromuralla e UCGAL monitorizarán os prezos do leite desde as granxas ate os puntos de venda co obxectivo de detectar onde quedan as marxes de revalorización do produto final
Os produtores galegos perden cartos, non son capaces de sacar adiante o seu negocio coa estrutura de custos actuais. Nón é unha situación nova, levan arrastrandoa desde hai varios anos, pero viuse especialmente agravada para os produtores de leite galegos durante o pasado exercicio, no que se viron incapaces de cubrir os seus gastos. Durante 2021 os seus custos de produción incrementáronse en torno ao 12%, catro veces máis que os seus ingresos, todo iso debido á importante subida do prezo da enerxía eléctrica e os combustibles. Pero todo parece ir a peor durante 2022, cunha inflación en España próxima ao 10%, cos prezos dos combustibles batendo todos os seus rexistros a pesar das medidas paliativas do goberno. E aínda por riba, a guerra en Ucraína veu a ser a pinga que colma o vaso, aumentando a inestabilidade nos mercados financeiros, e poñendo en perigo o abastecemento non soamente de gas e petroleo a Europa, senón dos cereais e pensos que o sector necesita.
AXUDAS ESTATAIS
Ante esta situación e as ameazas de abandono das explotacións, o Goberno Central aprobou un paquete de axudas para os produtores de leite, que alcanzará os169 millóns de euros en axudas directas, pero de novo estamos a poñer parches sen profundar nas causas dos problemas dun sector estratéxico como é o lácteo. Á vista desta situación faise necesario estudar que está a pasar co prezo da leite, cómo e posible que os incrementos de prezo que paga o consumidor non cheguen aos produtores, afogados neste momento polo incremento dos custos de produción.
OBSERVATORIO DE PREZOS
Detectar ese desfase entre o que paga consumidor e o que percibe realmente o gandeiro é o obxectivo do observatorio de prezos lácteos que poñen en marcha Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia, iniciativa que xorde da necesidade de integrar os intereses dos gandeiros e os intereses dos consumidores, cada vez máis conscientes da problemática que afecta ao sector produtor e máis implicados tamén no obxectivo de avanzar na nosa soberanía alimentaria.
A creación deste observatorio permitirá monitorizar a evolución dos prezos tanto en orixe como no lineal de venta, para extraer distintas conclusións: por unha banda, poder observar cara onde van os incrementos de prezos que paga o consumidor e se realmente estes están a chegar ao produtor ou quedan polo camiño. De igual forma, interesa coñecer o tempo que transcorre desde que se producen os incrementos que paga os consumidores ate que, total ou parcialmente, se trasladan aos produtores.
Do mesmo xeito, tamén permitirá coñecer as marxes económicas coas que traballan os gandeiros e comprobar se os produtores ven repercutidos os custos de produción, tal como establece a Lei da Cadea Alimentaria. Este observatorio permitira ir retratando progresivamente aos distintos axentes que interveñen na cadea de valor dos produtos lácteos.
O LEITE SUBIU UN 11,5%
Segundo os datos do INE o leite foi un dos produtos de alimentación que máis se encareceu na cesta da compra. En concreto, a evolución do IPC de marzo de 2021 a marzo de 2022 mostra que o leite enteiro subiu de media un 11,5%, e que mentres para o consumidor o prezo aumentou máis de 11 céntimos o incremento trasladado aos produtores quedou en 3,7cts.
Dado que o obxectivo do estudo é coñecer os tempos e a traslación de prezos ao produtor desde que se aplican subas nos lineais de venda, no caso do consumidor os datos reflexarán a evolución do prezo do brick de leite enteiro (o que menor transformación sofre) e no caso do produtor o prezo do litro de leite base, xa que por mor das técnicas contractuais empregadas pola industria non é posible comparar o réxime de primas e penalizacións que de forma tan diferente utilizan nos seus contratos ou liquidacións.
Neste momento a Xunta de Galicia está tratando de por en funcionamento o Observatorio Lácteo de Galicia, e malia que tanto UCGAL como AGROMURALLA aspiran a ser integrantes do mesmo, a xuízo de ambas entidades o proxecto de decreto que o deseña xorde con diversas eivas, en especial no tocante ao tratamento de terceiro nivel que se da ao máis numeroso elo da cadea. Nembargantes, mentres non comeza a funcionar, gandeiros e consumidores porán a andar esta iniciativa que, con perspectiva de permanencia, pretende que aporte datos reais sobre a evolución dos prezos.•