Despois do rotundo éxito na volta das Feiras do Viño de Amandi e Quiroga durante a pasada Semana Santa, xa temos datas para a recuperación das outras tradicionais festas do viño na Ribeira Sacra. Chega a quenda para a Feira do Viño de Vilachá, que chega á súa 29ª edición, que se celebrará os días 7 e 8 de maio, nos que se poderá volver gozar das súas milenarias adegas, ao ritmo de cantos de taberna de Antoxo duns poucos, A Derradeira, O Recanto, As Macizas Centrais, Os Parrandas e Son do Mao, ou de grupos como Os Corenta e Chinco, Gaiteiros de Samoeiro, As Recuncadas, Searas, Skachakunchas, Os Somontanos e Os Tabernos, Gaiteiros de Samoeiro ou o que terá como prato forte musical a actuación de Brassica Rapa o sábado día 7 ás 22:30.
A seguinte fin de semana, os días 14 e 15 de maio, será a quenda da XXVII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que o Consello da Xunta vén de declarar Festa de Interese Turístico. “Para nós volver a celebrar a Feira despois de dous anos e facelo sendo Festa de Interese Turístico de Galicia é unha gran satisfacción. A xente ten moitas ganas de saír e a Feira sempre é unha boa opción para traer xente aquí e para que veñan todos os que viven fóra e aproveitan a Feira para visitarnos”, asegura o alcalde, José Luis Álvarez.
E aínda quedaría a Feira do Viño de Chantada o 3, 4 e 5 de xuño. Moito viño por vir.•