A aldea modelo Francos de Proendos, declarada de utilidade pública

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou os decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declara de utilidade pública e de interese social a aldea modelo de Francos de Proendos (Sober). Xunto cas do Seixo (A Gudiña), Carzoá (Cualedro), Covelo (Taboadela), e Mouteira-Parada (Cerdedo-Cotobade), conforman as primeiras cinco aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lle aplicará esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos. Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 130 hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case 1.400 parcelas implicadas de preto de 600 propietarios. En concreto, a de Francos de Proendos abarca 12,87 ha, 119 predios e 70 propietarios.
Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán -entre outros aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia. Perséguese avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ronaldo Nazario en Quiroga

Seguinte Nova

Toponimízate, falámosche dos nomes da túa terra

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: