• Seis destes programas, xa publicados e co prazo aberto para a presentación de solicitudes, van destinados a actuacións de rehabilitación en inmobles residencias que teñen como fin lograr un aforro enerxético
A Xunta de Galicia está a convocar ao longo deste ano unha trintena de programas de axudas cos que pon á disposición de particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros para levar a cabo diferentes actuacións no eido residencial.
PROGRAMA DE AXUDAS A NIVEL DE EDIFICIO
O novo programa a nivel de edificio, que se pode solicitar desde o pasado 17 de maio e ata o 30 de novembro, está aberto a subvencionar cun máximo de 38.750 euros —en caso de que as obras impliquen a retirada de elementos de amianto— actuacións de mellora da eficiencia enerxética en edificios e vivendas unifamiliares.
Cun orzamento de 22,9 millóns de euros, a maior contía da historia reservada a unha liña de axudas á rehabilitación, o obxectivo é apoiar a propietarios individuais e comunidades de veciños na execución de reformas que incidan na eficiencia dos seus inmobles, como poden ser o cambio de fachadas e de cubertas ou a substitución de equipos de calefacción e de auga quente sempre que se logre un aforro enerxético mínimo do 30%.
Outra das liñas novidosas é o programa para elaboración do libro do edificio existente e para redacción de proxectos, documentación que xa é obrigatoria no caso de inmobles de nova construción e que se quere fomentar deste xeito para o resto. A convocatoria de 2022, que se abriu o 17 de maio e se estenderá ata o 30 de novembro, conta cun orzamento de 1,25 millóns de euros e vai dirixida a edificios ou vivendas rematadas antes do ano 2000 que se vaian rehabilitar.
A contía máxima desta axuda será de 3.500 euros cando se destine a elaborar o libro do edificio e poderá chegar ata os 30.000 euros se o que se quere financiar é o proxecto técnico correspondente e necesario para executar as obras de mellora.
REHABILITACIÓN ENERXÉTICA DE EDIFICIOS EN MUNICIPIOS DO RETO DEMOGRÁFICO
Convocadas en xaneiro cun orzamento de 3,8 millóns de euros, estas axudas poderán solicitarse ata o 30 de setembro. Teñen como fin acometer obras de rehabilitación enerxética en Inmobles unifamiliares ou de tipo colectivo construídos antes de 2007 nun municipio de menos de 5.000 habitantes ou nun concello non urbano de menos de 20.000, sempre que ningún dos seus núcleos de poboación teña máis de 5.000 veciños.
PROGRAMA DE AXUDAS A NIVEL DE VIVENDA
Cun orzamento de 13,5 millóns de euros, este programa convocouse o 3 de marzo e poderá solicitarse ata o 14 de outubro para poder optar a axudas de ata 3.000 euros destinadas a financiar pequenas actuacións de rehabilitación enerxética en vivendas, principalmente o cambio de ventás. O investimento debe de ser de polo menos 1.000 euros e o aforro de enerxía de, como mínimo, un 7%. Os incentivos están abertos non só aos propietarios do inmoble senón tamén a inquilinos e usufructuarios sempre que sexa o seu domicilio habitual.
REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS NOS ÁMBITOS DAS ARI SUPRAMUNICIPAIS
O pasado 1 de febreiro convocáronse por un importe global de 1,32 millóns de euros as axudas para intervir nas tres áreas de rehabilitación integral supramunicipal que xestiona directamente a Xunta: a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra.
Os propietarios con inmobles localizados nalgún dos municipios incluídos nestas 3 ARI poderán acceder a subvencións de ata 25.000 euros por vivenda para rehabilitar ou optimizar a súa eficiencia enerxética, uns incentivos cos que se contribuirá tamén á vez a mellorar a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
PROGRAMA DE AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE INMOBLES EN CENTROS HISTÓRICOS
Por terceiro ano consecutivo, o IGVS convocou en xaneiro este programa, dotado cun orzamento inicial de 500.000 euros e dirixido a cidadáns particulares que adquiran unha vivenda xa construída —que pode ser nova, usada ou que necesite reformas— nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai declarados en Galicia.
Os beneficiarios optan a unha axuda de ata 15.000 euros e aínda que non é unha liña específica para rehabilitación, a experiencia das convocatorias anteriores acredita que, debido á data de construción dos inmobles nestas zonas, a maior parte dos propietarios aproveitan a subvención para rehabilitar, total ou parcialmente, as vivendas adquiridas.
O prazo para a presentación das solicitudes abriuse o 29 de xaneiro e permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.•