• O Concello fará unha promoción en toda Galicia para que o Festival siga medrando, que cada vez sexa máis atractivo e nos visite máis xente, sinalou o Alcalde José Tomé Roca

Doutón, no acto de presentación da 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Foto GPCM
Logo das exitosas edicións das Feiras do Viño de Amandi, Quiroga, Pantón, Vilachá e Chantada, quedaba, para voltar á normalidade o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. E xa o temos aquí. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, deu a coñecer en rolda de prensa o Programa e Cartel oficial do que será a cuarta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 1 ó 3 de xullo no paseo do Malecón da cidade.
“Despois de 2 anos por mor da incidencia do Covid, a cidade volve acoller o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, unha proposta diferente cun amplo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival”, sinalou José Tomé.
Neste senso, o Alcalde destacou, o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en dous con respecto á edición de 2019, participando neste ano 2022 27 adegas, que supoñen o número máis alto de participación nas 4 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas estas adegas ofrecerán ó visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.
“Estou convencido” sinalou o rexedor monfortino, “de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte volverá a ser un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, un evento destinado a público de todas as idades, onde quen nos visite poderá descubrir e sentir a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía e tradición.
No que se refire ó Cartel oficial do Festival, o Alcalde explicou que “este ano quixemos, conservando a esencia doutras edicións, facer unha evolución do mesmo, realizando para elo unha composición minimalista con elementos xeométricos que representan o Festival a través dun escenario conceptual, en cuxo eixe central se sitúa a copa de viño oficial deste Festival”.
“Co obxectivo de dar máis relevancia a esta copa, introducímoslle salpicaduras de viño para evocar o movemento e a evolución dos viños desta Denominación de Orixe continuando coa liña gráfica do Festival en edicións anteriores”.
En canto a tonalidade e cores do cartel, o rexedor monfortino explicou que “utilizáronse a cor morada, xa que é a cor corporativa do Festival en representación do viño, e cores pastel ácidos, tendencia elixida para este 2022, como os azuis e rosas”.
ACTIVIDADES E VINORUTAS
Como en anteriores edicións, destinados ós máis pequenos terán diversos obradoiros infantís. Unha das novidades deste ano, son os dous obradoiros para adultos de Iniciación á Cata de Viños da Ribeira Sacra.
O Alcalde tamén destacou a celebración doutra actividade que conta ano a ano con cada vez máis participantes. Trátase das 3 VinoRutas “que nos permitirán viaxar ó lugar de orixe onde contemplar o nacemento da uva e descubrir os encantos dos dous ríos que bañan as ribeiras, o Miño e o Sil. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa viticultura heroica”. Para máis información, reserva de VinoRutas e inscripción no Taller de Catas será necesario chamar ó teléfono de contacto 611 533 271 ou enviar un email a festivalmonforte@gmail.com.
ACTUACIÓNS MUSICAIS
Chegada a noite, a Praza do Campo de San Antonio acollerá 2 actuacións musicais os días 1 e 2 de xullo. “Por primeira vez”, explicou o Alcalde, “está praza acollerá as celebracións musicais do Festival do viño, debido a que a grúa ubicada na Praza de España, impide o desenvolvemento destas actuacións musicais tal e como se merecen. Será un excelente escenario para mostrar o talento das diferentes agrupacións musicais, con propostas que van dende a danza contemporánea tradicional ata o pop-rock”. O venres día 11 ás 11 da noite, terá lugar a actuación de POL 3.14. O sábado 2 de xullo, tamén ás 11 da noite, será o turno para a compañía Nova Galega de Danza, co seu espectáculo chamado “Leira”, coa colaboración da artista Rosa Cedrón. Ademais, despois da inauguración do festival, que terá lugar o venres 1 de xullo ás 7 da tarde, terá lugar a actuación de Donaire. José Tomé salientou a importante promoción publicitaria que levará a cabo o Concello. O obxectivo é “que nos visite moita xente durante os tres días que vai durar o evento, que en definitiva debe supoñer o colofón a todas as feiras que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe do sur de Lugo”.•