• O Concello procedeu a executar os traballos de limpeza da lagoa do Parque dos Condes e da Ponte Medieval


Da mesma maneira que moitos cidadáns, a medida que se achega o verán, comezan a coidar a súa alimentación para perder eses quilos de máis adquiridos durante o duro inverno, para lucir figura nas praias e piscinas, tamén as cidades prepáranse e retocan para mostrarse esplendorosas ante os turistas e visitantes estivais. E Monforte non podía ser menos, e desde o Concello xa comezaron a traballar nos habituais coidados estivais. Tal é o caso dos traballos de limpeza realizados tanto na Ponte Medieval, como na lagoa do Parque dos Condes que se viñeron realizando durante os últimos días, baixo a atenta mirada de numerosos curiosos. No caso da ponte, a Brigada Municipal de Parques e Xardíns do Concello procedeu o pasado 30 de maio, a acometer os traballos de limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses. En concreto, as tarefas consistiron no corte da maleza e limpeza das herbas, co obxectivo de resaltar a beleza do monumento. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca salienta que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato. A Ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.
OITAVA LIMPEZA
Máis laboriosa é a tarefa de limpeza da lagoa do Parque dos Condes, na que as Brigadas Muncipais do Concello tiveron que contar coa axuda da empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L. O primeiro dos pasos para a limpeza da Lagoa do Parque dos Condes, consiste no baleirado da auga, baleirado que se levará a cabo utilizando unha máquina motobomba para extracción de líquidos.
Posteriormente, procédese a extraer cunha máquina paleadora todo o lodo que se foi depositando no fondo da lagoa durante este inverno. A limpeza da lagoa é levada a cabo, ano a ano, dende que José Tomé Roca chegou ó goberno de Monforte. Neste senso o Alcalde considera que “A chegada de visitantes, co inicio dos meses de verán e a ubicación privilexiada da Lagoa, no centro da cidade e integrada nun dos parques máis utilizados polos monfortinos e monfortinas, fai máis que necesaria a súa limpeza, que dende o Concello levamos a cabo ano a ano por estas datas”. •