• Trátase dunha actuación que se enmarca na liña de apoios que o Goberno galego destina este ano aos concellos para mellorar o equipamento dos seus parques e para implantar viveiros de empresas

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, o monfortino Francisco Conde, avanzou que a Xunta de Galicia vai mobilizar 1,6M€ en oito concellos da provincia de Lugo para que poidan mellorar as infraestruturas e servizos dos seus polígonos empresariais e implantar viveiros industriais.

do vicepresidente económico Francisco Conde ao Parque empresarial de Bóveda. Fotos GPXG.
VISITA AO PARQUE EMPRESARIAL DE BÓVEDA
Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou no parque empresarial de Bóveda a parcela onde se instalará o futuro viveiro industrial —que albergará despachos, zonas de servizo e un taller de formación— cun investimento público-privado de 300.000 euros. Trátase dunha actuación que se enmarca na liña de apoios que a Xunta destina este ano aos concellos galegos para mellorar o equipamento dos seus polígonos industriais e para implantar viveiros de empresas. En total, son 4,75M€ de orzamento que van mobilizar 6,6M€ e van beneficiar 43 municipios de toda Galicia.
No caso concreto da provincia de Lugo, construiranse novos viveiros en tres concellos cunha mobilización de case 1M€ de investimento público-privado: Bóveda, Cospeito (que tamén recibe axudas para a mellora do parque empresarial) e Baleira. Por outra banda, son seis os concellos lugueses beneficiados con axudas para a mellora de infraestruturas nos polígonos industriais, que suman na provincia un investimento público-privado mobilizado de case 630.000 euros. Ademais de Cospeito, son: Sarria, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Cervo e Xove.
Conde apuntou que estas dúas liñas de apoio están pensadas para fortalecer o tecido empresarial dos concellos galegos desde o punto de vista da competitividade e as infraestruturas. Son apoios, abondou, que, ademais de favorecer a creación de novas empresas a través dos viveiros, buscan ser unha chamada a novos investimentos.•