Toponimízate, falámosche dos nomes da túa terra

• A campaña, que difundirá o valor da toponimia galega, inciase en Pantón o 17 de Xuño

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron a quinta edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Nesta nova edición, a iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola RAG en colaboración coa Xunta de Galicia, duplica a súa oferta de actividades e chegará a 17 concellos da man de Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica.

PATRIMONIO INMATERIAL
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre, ademais, promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “facer partícipe o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.
O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

MICROTOPONIMIA
Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.
Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do risco que corre de perderse, das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral e tamén do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo.

GALICIA NOMEADA
Tamén se explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza. Desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos á disposición de toda a cidadanía galega na rede. Máis de 2.600 persoas colaboradoras se rexistraron, engadindo nomes en 292 concellos galegos.

INICIO DA CAMPAÑA EN PANTÓN
O concello lucense de Pantón será o encargado de abrir a campaña Toponimízate 2022 o venres 17 de xuño no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 20 horas. Despois pasará por Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio, onde pechará a campaña o 25 de novembro.
Coas 17 sesións que se van levar a cabo neste ano, a quinta edición de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra xa suma un total de 70 concellos galegos visitados.
A axenda completa cos horarios e lugares das xeiras pode consultarse na axenda de Cultura e na web de Lingua.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A aldea modelo Francos de Proendos, declarada de utilidade pública

Seguinte Nova

Novos investimentos do Goberno destinados a modernizar o ferrocarril

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss