• As empresas candidatas a optar a estes espazos deberán ter domicilio social e fiscal no Concello de Monforte de Lemos, contar cun plan de empresa e desenvolver actividades empresariais do sector industrial
Sumándose ás iniciativas levadas a cabo recentemente noutros concellos da comarca, como o de Bóveda, no que fai unhas semanas anunciouse a futura construción dun Viveiro Industrial de Empresas, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de informar da posta en marcha do que é o primeiro Viveiro de Empresas que existe no Concello de Monforte, e que se ubica no Polígono industrial de O Reboredo, coa oferta de 5 oficinas dotadas dos equipamentos necesarios para que as empresas que as soliciten poidan iniciar os seus proxectos de negocio. “Dende o Concello”, sinala o alcalde monfortino, “poñemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.
Dende o pasado mércores 29 de xuño xa está aberto o prazo para que as empresas interesadas en optar a un dos 5 espazos dispoñiblesl cursen as súas solicitudes. O prazo estará aberto ata o 29 de agosto de 2022.
As instalacións van dirixidas a aquelas empresas constituídas en menos de seis meses dende a solicitude de acollemento ou ben aquelas que aínda non se constituíran pero que prevén facelo no prazo máximo de tres meses dende a resolución de acollemento.
As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no Concello de Monforte de Lemos, contar cun plan de empresa e desenvolver actividades empresariais do sector industrial. •