• Os 27 adegueiros participantes amosáronse satisfeitos pola celebración da cuarta edición deste evento enolóxico

Durante a primeira fin de semana de xullo, Monforte de Lemos celebrou de novo o Festival do Viño da Ribeira Sacra, evento que levaba desaparecido da axenda festiva dende hai dous anos por mor da pandemia. A cuarta edición do Festival reuniu no Malecón a 27 adegas, ademais de ofrecer aos visitantes diversas actividades lúdicas. Entre estas opcións, destacou como novidade un obradoiro de iniciación á cata para adulto.
27 ADEGAS PROCEDENTES DE TODAS AS ÁREAS DA RIBEIRA SACRA
A oferta de viños da Ribeira Sacra deu a coñecer aos visitantes as creacións enolóxicas das adegas Don Cosme, Santa Mª de Nogueira, Pilares de Belesar, Condado de Sequeiras, Malcavada, Guímaro, Tear, Don Bernandino, Peza do Rei, Val da Lenda, Rectoral de Gundivós, Petrón, Alma das Donas, Abadía da Cova, Rectoral de Amandi, Gullufre, Cruceiro, Adega Vella, Viña Vella, Ciudáseis, Lucenza, Finca Cuarta, Ponte da Boga, Finca Míllara, Proencia, Cividade e Algueira. Na reunión que mantiveron co alcalde de Monforte, José Tomé, a mediados de xuño, os adegueiros amosaron a súa satisfacción pola recuperación do Festival do Viño despois de dous anos sen poder celebrarse debido á pandemia. Ademais, agradeceron o esforzo e interese do Goberno local por sacar adiante de novo esta cita festiva. Pola súa banda, o rexedor local agradeceulles o seu compromiso e interese por participar neste certame.
ACTUACIÓNS MUSICAIS E DE DANZA
Na axenda do Festival do Viño da Ribeira Sacra estivo presente a música, dende o momento da apertura. O venres 1 de xullo ás 19 horas, actuou grupo Donaire para dar paso ao saúdo do alcalde e á lectura do pregón, a cargo este ano do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.
A música continuou esa mesma noite, da man de POL3.14, cantante solista e compositor que ofreceu un concerto na Praza do Concello do Campo de San Antonio. Á mesma hora e no mesmo lugar, o sábado 2 de xullo actuou Nova Galega de Danza, co seu espectáculo «Leira», e coa colaboración da artista monfortina Rosa Cedrón.
•Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, será o pregoeiro do Festival do Viño

• Na tarde do venres 1 de xullo, arrancou o programa de actos da cuarta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Desta volta, a lectura do pregón estivo a cargo de Antonio López Díaz, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, «lucense nacido en Barreiros e que aposta firme pola nosa provincia», segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé. O rexedor salientou que «estamos moi satisfeitos de que aceptara ser o pregoeiro do Festival do Viño deste ano».
Antonio López Díaz é catedrático de Dereito Financiero e Tributario na Universidade de Santiago, e reitor desta institución dende xuño de 2018. Ademais, exerceu como Conselleiro do Consello de Contas de Galicia de 2007 a 2014, así como outros cargos de xestión dentro da Facultade de Dereito da USC. Así mesmo, foi distinguido coa insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela. López Díaz é autor de numerosas publicacións sobre dereito financieiro e tributario, entre as que destacan as súas aportacións sobre recadación, financiamento autonómico e local.•