Se hai profesións gratificantes, o ensino sen dúbida é unha delas, especialmente a dos mestres, que traballan a diario coa formación dos máis pequenos. Un traballo entregado que non sempre ten a recompensa social que se merece. Aínda que ese non foi o caso de María Núñez, directora do Colexio Novo de Monforte durante os últimos 14 anos e que, ao bordoe da súa xubilación, recibiu unha emotiva homenaxe en recoñecemento do seu traballo e dedicación. Organizouse para iso un acto no que non faltaron choros e sorrisos, con sabor a despedida. Alumnado e profesorado do centro organizaron, con axuda da asociación de pais e nais unha sorpresa na que todos os nenos e nenas do colexio escribiron nun corazón de papel os seus bonitos recordos coa súa directora ao longo de todos estes anos e fóronllos entregando un a un nunha larguísima fila que percorría case todas as estancias do centro, finalizando no soportal de entrada con todos xuntos aplaudindo cun cartel xigante que dicía: SEMPRE NO noso CORAZÓN. Finalizou ese paseo cheo de emocións cun baile final cheo de ovacións, aplausos, bailes e alegrías.
Dedicáronlle unha emotiva mensaxe “María, fuches un exemplo para seguir, a túa vocación, ilusión, enerxía e positividade excede con fartura todas as esixencias do teu posto. Sempre tiveches palabras de alento para os teus compañeiros e compañeiras, fuches a mellor escoitando e atendendo ás familias en calquera momento e situación, pelexaches incansable para conseguir o imposible no colexio e que hoxe sexa un referente en instalacións e proxectos. Grazas pola túa absoluta dedicación, polos teus sacrificio, por tantas horas. Grazas por tanto María”. O dito, parabens polo recoñecemento.•